Desde o 15 de xaneiro ata o 14 de febreiro, como é habitual desde hai uns anos, o Concello abre o período de actualización das bolsas de contratación para os postos de condutor ou condutora e de peón ou peoa de obras da área de Servizos e Obras. Calquera persoa que cumpra os requisitos pode inscribirse nas bolsas de emprego e as persoas xa inscritas poden actualizar os seus méritos para modificar, consecuentemente, a súa puntuación. O procedemento de conformación e actualización das bolsas está recollido nas bases publicadas en abril de 2017, que poden consultarse desde esta ligazón. As bolsas diríxense exclusivamente á cobertura temporal dos postos de condutor operario e de peón de obras e servizos municipais en caso de vacantes, vacacións, baixas, permisos, etc.

Os requisitos xenéricos para entrar formar parte das listas son o de ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da Unión Europea -ou ser cónxuxe de alguén que cumpra estas condicións-, ou incluso é posible acceder a elas sendo doutros países sempre que se teña residencia legal en España. Tamén é necesario ter feitos os 16 anos, dispor da titulación requirida para cada praza, non encontrarse nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o desempeño do traballo e, por último, que non existan causas de incapacidade ou incompatibilidade legal nin tampouco algún expediente disciplinario que arrede ou inhabilite a persoa para traballar na Administración.

Os requisitos específicos para a bolsa de condutor/a operario/a son

  • ter o título da ESO ou equivalente,
  • posuír a acreditación de coñecemento do galego CELGA 3,
  • dispor de permiso de conducir C
  • contar co Certificado de aptitude profesional (CAP).

No caso da bolsa de peón ou peoa de obras e servizos, as persoas aspirantes deberán

  • dispoñer do título de graduado escolar ou equivalente,
  • do CELGA 2 e
  • do carné de conducir B.

Todas as condicións, xerais e as específicas, deben reunirse no momento de presentar a solicitude, que se rexistrará no Concello acompañada dunha fotocopia compulsada do DNI, dunha copia compulsada do permiso de conducir e unha fotocopia compulsada da documentación acreditativa dos méritos alegados nos que se baseará a asignación das puntuacións, como son os cursos oficiais, as titulacións académicas, a experiencia laboral na Administración ou na empresa privada e o título do coñecemento do galego. Ademais, para a praza de condución tamén fará falla achegar a fotocopia compulsada do certificado de aptitude profesional.

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición na bolsa ou de actualización dos méritos remata o 14 de febreiro.

A Comisión de valoración analizará toda a documentación presentada nas actualizacións, revisará a información e, de ser o caso, modificará as puntuacións que tivesen as persoas inscritas en cada unha das listas. Nas novas inscricións comprobarase o cumprimento dos requisitos xerais e específicos e sumaranse os puntos outorgados en función dos méritos que se presenten.

Unha vez feitas as baremacións, a Comisión seleccionadora establecerá as novas listas, que se exporán ao público por se houbese algunha reclamación. Pasado o correspondente prazo, as bolsas aprobaranse como definitivas e entrarán en vigor ata o ano seguinte, cando volverá abrirse o proceso de actualización e incorporación.

Decreto da Alcaldía do prazo de apertura de actualización das bolsas de emprego