Coa publicación no  Boletín Oficial de Provincia do extracto da bases das  bolsas escolares para estudo, desprazamento e equipamento informático comeza o prazo para a súa solicitude.  O prazo , de  vinte días hábiles,  comeza a contar o día seguinte da publicación no BOP e rematará o 20 de abril

A Xunta de Goberno Local aprobou  hai un mes as bases polas que se rexerán este ano a concesión destas axudas cunha  partida total que ascende a 20.000 euros, que se incluirán no orzamento municipal que en breve se levará a Pleno, e dentro desta contía, como novidade, tamén se financiará a merca durante o último ano de equipamento para seguir clases en liña, como por exemplo ordenadores, tabletas, enrutadores ou impresoras. Dependendo do tipo de estudos que se estean cursando, do nivel de renda per cápita e dos investimentos que tivesen que facer as familias, a axuda poderá chegar até os 1.135 euros por alumno ou alumna. Trala aprobación das bases a convocatoria publicase no Boletín Oficial da Provincia e ábrese un prazo de 20 días hábiles para presentar as solicitudes.

As bases son, segundo o Goberno local, “reflexo da aposta municipal por apoiar ás familias nunha situación de crise excepcional motivada pola pandemia”, xa que se incrementan os fondos dispoñibles e, ademais, créase un apartado específico para axudarlles naqueles gastos derivados de que a rapazada tivese que seguir clases a distancia a raíz do confinamento decretado en marzo do ano pasado. Para cubrir esta convocatoria o Concello reservará 20.000 euros dentro do novo orzamento municipal que neste momento está ultimándose co obxectivo de poder levalo a pleno nos próximos días.

Con carácter xeral establécense dous tramos de axuda para todos os apartados da convocatoria, un co límite de ata 6.000 euros de renda per cápita e outro para aquelas familias que estean entre os 6.000 e os 9.000 euros de renda por cabeza, que é o tope económico superior para poder acollerse ás axudas municipais. É dicir, unha familia de catro membros -por exemplo dúas persoas adultas e dúas menores, unha matriculada no CEIP San Ramón e outra facendo bacharelato en Ferrol- cuxa renda total sexa de 24.000 euros accedería ao tramo no que se conceden maiores importes, mentres que se esa mesma familia tivese un nivel de renda conxunta de 36.000 euros -9.000 por cabeza-, entraría xa no segundo tramo.

En calquera caso, cumprindo os requisitos marcados nas bases, as axudas outórganse con carácter individual para cada estudante, de maneira que no anterior exemplo poderían solicitarse as axudas para ambos, tendo en conta ademais que as tres liñas das bases son compatibles entre si e compatibles con bolsas ou axudas similares concedidas por outras administracións.

O primeiro apartado que recolle o documento son as axudas para actividades relacionadas coa formación, á que poderán acollerse os alumnos e alumnas con matrícula no CEIP San Ramón ou que cursen ESO, Bacharelato, FP, estudos universitarios -agás posgraos- ou mesmo ensinanzas superiores de tipo artístico en calquera centro público. Tamén poderá acceder ás bolsas aquel alumnado con necesidades educativas especiais que deba acudir a un centro fóra de Moeche. As cantidades reflectidas nas bases van desde os 100 euros que percibiría un cativo ou cativa de Educación infantil no segundo tramo de renda até os 300€ fixados para estudos universitarios e superiores no tramo de rendas máis baixas.

Por outra banda, a convocatoria tamén recolle achegas para desprazarse estudar fóra do municipio, cuxa concesión se relaciona tamén cos niveis de renda per cápita e coa distancia á que se encontre o centro de ensino. Así, para estudos que se cursen dentro dun radio de 35 quilómetros poderán obterse 150 ou 125 euros de axuda por cada estudante empadroado en Moeche. Se o centro está a unha distancia de entre 35 e 100 quilómetros a axuda sobe a 200 euros no primeiro tramo de renda e a 150 no segundo. Por último, se as ensinanzas se cursan a máis de 100 quilómetros, a achega fíxase, respectivamente, en 250 e 200 euros.

O apartado que se crea este ano é o das axudas para a adquisición de equipamentos informáticos e tecnolóxicos. A novidade responde ao obxectivo do Concello de colaborar coas familias que tiveron que levar a cabo investimentos extraordinarios no último ano -desde o 15 de marzo de 2020- para que o alumnado puidese seguir clases a distancia durante o confinamento e incluso despois do levantamento desa restrición, como ocorreu recentemente cos estudantes universitarios que tiveron que quedar na casa varios días por causa da terceira onda da pandemia.

As subvencións municipais -vencelladas tamén aos dous tramos de nivel de renda por cabeza- poderán xustificarse con facturas de ordenadores de mesa, pantallas ou computadores portátiles, cunha achega de 400 euros nas rendas inferiores a 6.000 euros e de 300 euros nas rendas entre 6.000 e 9.000 euros. Se se mercou unha tableta non se poderá pedir a axuda para un ordenador e, nese caso, a axuda sitúase en 175 ou 125 euros, dependendo do tramo de renda. Alén deste equipamento, por medio da convocatoria municipal tamén se poderán percibir 125 ou 100 euros para gastos relacionados coa conectividade, como a compra de enrutadores, amplificadores de sinal, cámaras web, micrófonos, auriculares, etc,  e outros 60 ou 40 euros pola merca dunha impresora.

Estas axudas para equipamento dixital abranguerán os gastos efectuados desde o 15 de marzo de 2020 até o último día do prazo de solicitude (20 días hábiles), que empezará a contar ao día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia

Documentación para presentar e bases

Bases reguladoras

Anexo I solicitude

Anexo II autorización datos

Anexo III declaración responsable

Anexo IV Outras axudas