A Deputación da Coruña acaba de abrir a convocatoria da Campaña de Inverno 2018, un programa que prevé iniciar no esquí a 500 nenos e nenas de toda a provincia. Este ano a estación elixida é a de Cabeza de Manzaneda, en Ourense, onde a rapazada nacida entre 2003 e 2007 -ambos incluídos- poderá aprender ou mellorar a súa técnica durante 4 días, tempo no que tamén gozarán doutras actividades na neve.   A Deputación asígnalle a cada municipio unha quenda e un número determinado de prazas. A Moeche tocaralle a estadía entre o 16 e o 19 de febreiro e correspóndenlle 3 prazas. A preinscrición pode facerse na Casa do Concello, chamando ao 981 404 006 ou no correo daniel.feijoo@moeche.gal ata o día 16 de xaneiro. De haber máis solicitudes que prazas farase un sorteo público o día 18 ás 10.00h. Iso si, terán preferencia os nenos e nenas que non participasen anteriormente en ningunha campaña invernal da Deputación. Unha vez confirmada a praza poderase tramitar a inscrición, que ten un custe de 85€.

A Campaña de Inverno da Deputación da Coruña levará á neve a un total de 500 cativos e cativas repartidas en cinco quendas entre o 2 de febreiro e o 12 de marzo. A maior parte dos municipios da nosa zona irán na segunda quenda, onde tamén entra o concello da Coruña. Son 90 prazas distribuídas segundo criteiros de poboación. Así, o maior cupo -30 prazas- é para A Coruña, seguido de Ferrol con 19 e Narón con 13. Ares, Cedeira, Neda e Valdoviño disporán de 4 prazas cada un e, por último, as 12 prazas restantes repártense a razón de 3 para cada un entre os concellos de Mañón, Moeche, San Sadurniño e As Somozas.

O programa está pensado para rapazada nacida nos anos 2003, 2004, 2005, 2006 ou 2007, quen disfrutarán de 4 días na neve con aloxamento e mantenza, ademais de cursiños de esquí e outras actividades complementarias. A entrada na estación será o día 16 de febreiro e a saída o día 19. A Deputación asume a maior parte dos gastos, como son o  transporte dende os puntos de recollida nas cabeceiras de cada comarca -os lugares daranse a coñecer uns días antes-, o monitorado, as clases, os seguros, o alugamento de material ou os forfaits.

O Concello ten aberto xa o prazo de preinscrición nesta campaña, que poderá facerse ata o 16 de xaneiro chamando ao 981 404 006 en horario de mañá, mandándolle un correo a daniel.feijoo@moeche.gal ou pasando directamente pola casa consistorial. Se hai máis solicitudes que as tres prazas asignadas realizarase un sorteo público o día 18 ás 10.00h. perante a Secretaria municipal. Nese sorteo entrarían unicamente os nenos e nenas que cumpran os requisitos de idade e que, ademais, nunca participasen en anteriores campañas de esquí da Deputación.

Só cando o Concello confirme a praza -para a preinscrición non é necesario- haberá que cubrir a ficha de participación, achegar unha foto de carné, a fotocopia da tarxeta sanitaria, a fotocopia do carné de identidade ou do libro de familia, indicar se o neno ou nena ten algunha alerxia alimentaria e se está tomando algún tipo de medicación. Ademais tamén será imprescindible achegar o resgardo do ingreso bancario dos 85€ que custa a viaxe que, insistimos, só se deberá facer unha vez que o Concello confirme a praza.

Máis información:
Web da Campaña de Inverno 2018
Folla informativa editada pola Deputación da Coruña (.pdf)