Moeche é un dos municipios galegos onde proximamente se vai poñer en marcha unha casa niño. Trátase dun equipamento destinado á atención de nenas e nenos menores de tres anos en concellos coma o noso, é dicir, cunha poboación inferior a 5.000 habitantes e onde non existe ningún outro servizo de conciliación. Laura Fernández é a promotora desta experiencia despois de que a Xunta aceptase subvencionar o seu proxecto, para o que tivo tamén colaboración municipal mediante a cesión de parte do edificio da antiga biblioteca da Casabranca. A “Casa Niño Irmandiños” poderá atender de xeito gratuíto un máximo de cinco crianzas, sempre e cando as súas familias estean empadroadas no concello. O prazo de preinscrición neste novo servizo estará aberto entre este 18 de novembro e o 11 de decembro. Débeselle enviar cuberto este formulario á propia Fernández, como responsable da iniciativa, a través do correo irmandinos.cn@gmail.com. Tamén se pode contactar con ela para ampliar información ou solventar dúbidas chamando ao 636 207 074.

As casas niño son unidades de atención infantil pensadas para municipios rurais e cunha poboación menor dos 5.000 habitantes. A diferenza das escolas infantís ou dos PAI -puntos de atención á infancia-, nas casas niño non hai un proxecto educativo asociado e, ademais, nelas non pode haber máis de cinco nenas ou nenos. Cumpren a función -para entendérmonos- dunha gardaría de proximidade sen selo, xa que a súa filosofía é a de que sexa unha persoa do lugar quen coide dos pequenos durante unhas horas ao día no seu propio fogar ou noutras instalacións, que en calquera caso deben estar adaptadas para ese cometido.

A Xunta financia este tipo de servizos nos municipios máis pequenos como experiencia piloto. Desde 2016 xa se puxeron en marcha preto de medio cento de casas niño en toda Galicia. A de Moeche é froito dun proxecto presentado por Laura Fernández, quen lle solicitou axuda ao Concello para poder contar cun lugar axeitado para poder levalo a cabo.

Neste sentido, desde o consistorio sopesáronse distintas posibilidades e finalmente o Goberno local optou por cederlle parte do baixo do edificio da antiga biblioteca da Casabranca. Elixiuse este inmoble por dous motivos principais: por ser un edificio máis ou menos céntrico que estaba practicamente en desuso e porque se podía habilitar para ese novo cometido cun investimento asumible para a promotora. De feito, a Xunta subvenciona estas iniciativas con ata 19.000 euros anuais e, a maiores, concede 15.000 euros para as obras de adecuación, que deben ser executadas polas persoas solicitantes.

No caso de Moeche, o Concello e maila responsable da iniciativa de conciliación asinaron un acordo de cesión gratuíta por tres anos. Para a alcaldesa, Beatriz Bascoy, o acordo “é moi beneficioso para todos” xa que, segundo indicou, “facilítaselle a unha persoa autónoma a posta en marcha da súa actividade de coidado dos nenos e nenas, dáselle uso a un espazo infrautilizado que se remodelou sen custe algún para o Concello e, sen dúbida o máis importante, créase un novo servizo de conciliación no territorio que ata agora non tiñamos”.

A Casa Niño Irmandiños -ese é o seu nome- poderá atender 5 nenas e nenos de 0 a 3 anos durante un máximo de 8 horas ao día. Trátase dun servizo subvencionado ao cento por cento, polo que as familias poderán deixar os nenos e nenas ao coidado de Fernández totalmente de balde.

Tras finalizaren hai escasos días as obras de mellora do espazo -que xa está totalmente amoblado e dotado de xoguetes e outro material-, agora Laura Fernández abriu un período de preinscrición coas miras postas en poder empezar a funcionar xa a primeiros de xaneiro.

Aquelas familias que desexen deixar os meniños na casa niño terán que botar a solicitude entre este 18 de novembro e o próximo 11 de decembro. Para iso poden cubrir este formulario e enviarllo por correo a Fernández a través do enderezo irmandinos.cn@gmail.com. Para calquera consulta ou dúbida ao respecto do funcionamento do servizo tamén se pode contactar coa promotora no teléfono 636 207 074.