Representantes dos sete concellos do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal , o deputado responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e as técnicas desta área, reuníronse esta mañá en Moeche para poñer en común o resultado das mesas de traballo que se celebraron na xornada e para decidiren como concretar accións e poñelas en marcha. O proceso do xeoparque está nun momento crucial para botar a andar. Hai recursos xeolóxicos de sobra e cun alto valor nos que sustentar o proxecto, a Deputación ten reservados para el 500.000 €  e hai un compromiso firme dos sete municipios implicados de cara a preparar unha candidatura seria que teña todas as garantías de pasar con nota a esixente avaliación da UNESCO.

A xuntanza  desta mañá en Moeche resultou produtiva e práctica pois adoptáronse xa medidas concretas para executar estes meses cara á presentación da candidatura ao tempo que xa quedou fixada a seguinte reunión de traballo nun prazo dun mes: a sinalización dos recursos turísticos máis salientables do futuro Xeoparque, as propostas de actividades ludicas e formativas dirixidas aos centros de ensino no curso que dará comezo o vindeiro mes de setembro, a posta en marcha dunha campala de sensiblización e coñecemento para a poboación local e a guía de traballo para o tempo que queda ata a presentación da candidatura ante a Unesco.

Os  municipios e a Deputación avanzaron nas cuestións de detalle e organizativas. A primeira delas, buscar unha fórmula de colaboración máis inmediata e áxil á hora de actuar e, a segunda, redactar o cronograma e o plan de acción sobre o territorio, xuntando a parte de posta en valor do excepcional patrimonio xeolóxico coas liñas mestras que se seguirán para vinculalo co desenvolvemento socioeconómico.
Máis con todo, os representantes institucionais son conscientes de que en paralelo teñen que acometer labores concretos e urxentes derivados dese plan de acción, que non ten por que ser un documento moi extenso, pero si moi concreto e realista en canto ao que se pode e se ten que facer. Con carácter inmediato preténdese sinalizar de forma unitaria a colección de sitios destacados do ámbito do futuro xeoparque e, en paralelo, asentar a parte de implicación social e educativa do proxecto, dous dos aspectos que máis se teñen en conta as avaliacións da UNESCO.

Os concellos adquiriron o compromiso de utilizar na súa comunicación -papelaría, cartelaría, etc.- o logo co que xa conta o proxecto desde hai algúns meses. Tamén se acordou a preparación dunha unidade didáctica en colaboración cos centros de ensino de cara a fomentar o coñecemento entre os escolares da importancia xeolóxica do complexo do Cabo Ortegal, onde é posible observar a simple vista un capítulo fundamental da historia do planeta. Da xuntanza de hoxe mesmo saiu a aceptación do lema “Unha viaxe ao interior da Terra” como posible fío argumental  e idea forza que presida toda a estratexia así como a necesaria coordinación das actividades que se desenvolven nalgúns concellos como as xeorutas e o establecemento de centros de interpetación no territorio.

Esta xuntanza xurdiu logo das conclusións obtidas nas xornadas realizadas a pasada fin de semana, ao que asistiron representantes de tres xeoparques que xa están funcionando, procurouse a participación do movemento asociativo co fin de procurar a implicacion social no proxecto. Permitiron coñecer de primeira man outras experiencias de Xeoparques en territorios similares ao noso e comprobar como a posta en marca deste proxecto veu supoñor unha repercusión moi positiva par o desenovlvmento local cun retonro económico considerable.

As xornadas foron xa o primeiro paso concreto para a candidatura a Xeoparque Global da UNESCO, que obriga a desenvolver accións concretas e tanxible, é dicir, a funcionar como un Xeoparque de tal xeiro que a riqueza xeolóxixa, única e diferenzada, vaia acompañada dun programa de desenvolvemento sustentable relacionado co turismo, o patrimonio, a cultura, a educación e outros recursos de todo tipo que hai na comarca (produtos da terra, do mar, hostalaría, artesanía, etc.).

En calquera caso, todo o que se faga a partir de agora debe contar co maior respaldo social posible. Niso será de moita axuda o traballo didáctico co colectivo escolar, pero tamén fará falla, e moita, a identificación co proxecto do tecido asociativo- como aconteceu nas pasadas xornadas- produtivo e de servizos dos sete municipios participantes. Outro dos eixos de traballo inmediato vai nesa dirección, propoñéndolle á Mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol  -como xestora do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas-, que colabore no programa de dinamización dos distintos colectivos do territorio, orientándoo ao coñecemento sobre como funciona un Xeoparque Global da UNESCO e sobre cales son os beneficios que pode reportar a obtención deste distintivo internacional.

Nun prazo inferior a un mes, os representantes dos concellos manterán unha nova reunión para concretar o traballo de divulgación e coñecemento do proxecto no eido escolar no curso 2019-2020