A comezos de cada novo ano ábrese un período de actualización das listas de contratación temporal dos postos de condutor/a-operario/a e de peón de obras e servizos municipais. Estas bolsas de emprego renóvanse anualmente, desde a súa creación por parte do Goberno municipal en 2017, co obxectivo de que todas aquelas persoas que desexen incorporarse, sempre que cumpran os requisitos, e aquelas que xa forman parte delas, poidan actualizar o seu currículo con novos datos. Estas listaxes teñen como fin axilizar a incorporación de persoal para cubrir, por exemplo, baixas laborais ou vacacións. O período de actualización de 2023 comeza o 15 de xaneiro e rematará o 14 de febreiro. As instancias pode presentarse presencialmente na Casa do Concello ou ben a través da Sede Electrónica.
Por Resolución da Alcaldía de data 12 de xaneiro de 2022 aprobouse a apertura do prazo desde o 15/01/2023 ao 14/02/2023, tal e como establece a base duodécima das bases que rexen o proceso de actualización destas bolsas de emprego. Durante ese período as persoas que xa figuran inscritas na bolsa poden presentar novos méritos e aquelas persoas interesadas que non figuren na listaxe actual poderán solicitar a súa inclusión na bolsa de acordo co establecido na cláusula sexta. Só se terán en conta os méritos alegados que a persoa solicitante reúna o primeiro día da apertura do período de actualización.
O BOP núm. 64 de 4 de abril de 2017 recolleu a publicación das bases que rexen o proceso de actualización das bolsas. O texto publicado establece tanto os requisitos xerais como os particulares que se deben de cumprir para acceder a cada unha das dúas bolsas. Todos os requisitos hai que cumprilos tanto no momento de presentar as solicitudes como despois, no momento en que se chame a calquera aspirante para traballar.
Para formar parte tanto da bolsa de peón como para a de condutor, é necesario:
– Ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da UE, ou ben contar con residencia legal en España.
– Ter polo menos 16 anos de idade,
– Dispor da titulación esixida para cada posto;
– Non estar nunha situación de enfermidade ou eiva física que impida o normal desempeño do traballo. Neste sentido, nas solicitudes é preciso facer constar se se conta con algún grao de discapacidade.
– Non se atopar en ningunha causa legal de incapacidade ou incompatibilidade nin tampouco constar expedientes disciplinarios ou de inhabilitación para o exercicio de funcións nas administracións públicas.
Ademais destes, no caso da praza de condutor/a operaria/o hai que ter o título da ESO ou equivalente, estar en posesión do CELGA 3, contar con permiso de conducir C e dispor do certificado de aptitude profesional (CAP). Para a lista de contratación de peonaxe de obras e servizos abonda con ter o título de graduado escolar ou equivalente, ter o CELGA 2 e o permiso de conducir B.
Deberanse presentar fotocopias compulsadas de toda a documentación acreditativa que se esixe, así como dos méritos que se desexen engadir para incrementar a puntuación ademais do modelo de formulario que aparece no BOP.
Unha vez que a comisión cualificadora – formada por persoal técnico- avalíe as solicitudes admitidas, o Concello publicará a listaxe coas novas incorporacións e puntuacións na sede electrónica do Concello e no taboleiro de edictos do Concello.
Esta bolsa de emprego non se utiliza para contratacións suxeitas ao financiamento doutras Administracións xa que adoitan establecer requisitos de selección propios de carácter obrigatorio; utilizase para facer contratacións temporais para postos que estean vacantes ou para nomeamentos interinos en substitución de persoal con dereito a reserva do posto por motivo dunha incapacidade temporal, unha baixa por maternidade ou paternidade, vacacións e outras situacións.
Resolución Alcaldía apertura de prazo actualización
Últimos comentarios