A Xunta de Goberno local adxudicou  a execución da obra de formación dun tramo de beirarrúas no lugar das Sete Pontes, Abade, na marxe da estrada AC-862, de titularidade autonómica, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 25+930 e 26+150, entre o acceso á fábrica lácteos Moeche.  A empresa adxudicatria foi Construcciones Canosa .  A obra financiarase con parte dos fondos do Plan do POS+ de 2024.

Executarase unha senda a nivel pavimentada en formigón impreso -con características similares ás das intervencións realizadas recentemente nos núcleos de Mil de Abaixo e Mil de Arriba-, dispoñendo como elementos de separación coa calzada separadores de carril de bandas amarelas, fabricados en goma natural. Como traballos previos contémplase a demolición de soleiras e firmes existentes (incluíndo os chanzos existentes a carón da vivenda máis próxima á estrada), o saneamento da explanada e a desmontaxe de farois e portacolectores, que serán acopiados para a súa posterior colocación ao remate das obras de pavimentación. No tramo de maior desnivel a carón da sociedade agrogandeira procederase con carácter previo á construción dun muro de contención de terras como límite lateral da plataforma peonil, que se realizará en formigón armado e para evitar caídas, disporase unha varanda perimetral con pasamáns.

As obras propostas forman parte do programa iniciado hai uns anos polo Concello de Moeche dirixido a incrementar nas infraestruturas viarias os niveis de funcionalidade, seguridade vial, accesibilidade e calidade do espazo público. Neste caso concreto, trátase dar continuade ás obras levadas a cabo a principios do ano 2023 segundo o proxecto reposición de beirarrúas existentes en Mil de Arriba e Mil de Abaixo, financiadas con cargo ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, +2022.

Tras a correspondente valoración de criterios de adxudicación e da valoración económica, resultou adxudicataria a empresa Construcciones Canosa S.L. cun importe total de 39.984,99€, quen comezará as obras en breve.

Por outra parte, solicitáronse as correspondentes autorización sectoriais como a de Estradas da Xunta de Galicia, quen require o depósito dun aval de 3000,00 euros para a execución da obra