A Xunta de Goberno Local celebrada no serán deste xoves incluía entre os puntos da súa orde do día a adxudicación do proxecto de reparación da pista que une San Xiao e As Barbelas. O contrato recaeu en Construcciones Saavedra y López, quen ofertou un prezo de 23.990 euros nun proceso de licitación cifrado inicialmente en algo máis de 28.000. Os traballos consistirán na substitución do firme desde San Xiao ata Vilachave e no acondicionamento das gabias en todo o percorrido que chega ás Barbelas. Son algo máis de 2,1 quilómetros de trazado que se financian con fondos municipais e do POS+. Por outra banda, a construtora tamén iniciará en breve a ampliación da rede de saneamento ao lugar do Retorno, en Santa Cruz, que suporá un investimento de 19.900 euros.
O contrato da rede de sumidoiros do Retorno adxudicouse na última Xunta de Goberno Local de 2020. No lugar xa hai instaladas tubaxes que, porén, non chegan ás vivendas da zona máis elevada deste núcleo de poboación. Por este motivo deseñouse un proxecto que contempla soterrar un ramal principal que conecte a zona de Soomonte coa rede existente e, por outra banda, facer dous ramais secundarios que completen o circuito de evacuación de augas fecais.
En total colocaranse máis de medio quilómetro de colectores de PVC cun diámetro de 315 mm, conectados entre si mediante dous pozos de rexistro que aseguren o seu correcto funcionamento e que permitan, de ser o caso, desatoar as conducións sen ter que picar o chan.
A outra obra -adxudicada na XGL deste xoves- atenderá á reparación da pista San Xiao-Vilachave-As Barbelas, situada na parroquia de Labacengos, preto xa do límite co concello de Cerdido. Trátase dunha das vías máis utilizadas en Moeche tanto pola poboación da zona como por quen a utilizan como enlace entre a estrada de Ortigueira e a AC-110 que vai ás Somozas.
O trazado entre Vilachave e As Barbelas está arranxado desde hai relativamente pouco e presenta un bo estado de conservación. Porén, o que si ten falta dunha intervención é o segmento que vai desde Vilachave a San Xiao -uns 1.500 metros-, onde se prevé botar unha nova capa de rodadura que deixe toda a estrada cun firme homoxéneo e sen irregularidades nin fochancas.
Ademais, co obxectivo de que a estrada aguante nas mellores condicións o maior tempo posible, o proxecto inclúe a limpeza das gabias laterais ao longo dos seus 2,1 quilómetros e a instalación de novas tubaxes de drenaxe das escorrentías na súa cota máis baixa. Con esta operación preténdense evitar as filtracións que poderían debilitar a base da pista co paso do tempo.
Estas obras licitáronse nun prezo de saída de 28.121,52 € (ive non incluído) que, de acordo coa oferta presentada pola adxudicataria, terán un custe final de 23.990 euros xa cos impostos. Se ben o importe da licitación supoñía o financiamento dun 20% por parte do Concello e o 80% por parte da Deputación da Coruña, a baixa efectuada na oferta da empresa adxudicataria recae na achega do Concello, de tal xeito que o 100% do importe da execución da obra financiarase con cargo ao POS+ provincial 2020 .
Últimos comentarios