A Xunta de Goberno adxudicou as obras de mellora da nave do polbo de San Ramón por un importe de 97.168,34 euros a Construcciones Guerreiro S.L. Estas obras están co-financiadas con cargo aos fondos do Plan complementario da Deputación da Coruña e dos fondos do propio Concello. As obras darán comezo a semana do 13 de decembro co obxectivo de rematalas para poder abrir o espazo antes da feira do 23 de abril de 2022. Posteriormente o Concello procederá a licitación pública do uso do espazo.
A execución destas obras é un paso máis na renovación e mellora do conxunto do recinto feiral iniciada hai uns anos e suporá a renovación das instalacións co obxectivo de adaptalas á normativa sobre accesibilidade, renovar o aspecto exterior e interior que se centra no cambio da cuberta, das carpintarías e a construción duns novos aseos. Procúrase reconverter a nave nun lugar con mellores condicións de uso e cun aspecto que siga a liña doutras construcións do recinto reparadas en exercicios anteriores, como foi a Nave do Mercado
Substituiranse as fiestras e portas, amañarase o chan, pintarase o edificio por dentro e por fóra e refarase por completo a instalación eléctrica e da fontanería e retirarase a vella cuberta de fibrocemento para o seu cambio por outra de tipo “panel-sandwich”, en cor verde similar á xa instalada nos outros edificios rehabilitados. A actuación permitirá adaptar o edificio á normativa de accesibilidade preparando unha entrada sen barreiras arquitectónicas pola súa parede sur e construíndo uns aseos con dimensións axeitadas que poidan ser utilizados por persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas.
Últimos comentarios