O Concello de Moeche aprobou a concesión de 39 axudas en concepto de bolsas de estudo e axudas para desprazamento dun total de 43 peticións. As catro rexeitadas foi debido ao incumprimento das condicións estipuladas nas bases. A non presentación de alegacións permitiu elevar a definitivo o acordo e aprobación e empezar cos ingresos dos importes ás familias, que nalgúns casos chega aos 550 euros.
A maioría das solicitudes están dirixidas ao estudo para alumnado matriculado en centros públicos, desde os cursos de infantil até os universitarios e de formación profesional, con 31 solicitudes concedidas e contías entre os 150 e os 300€, segundo a renda familiar.
Na liña convocada polo Concello dos gastos de desprazamento para cursar os estudos postobrigatorios, as cantidades asignadas estaban establecidas nas bases en tramos de distancias, (ata 35 Km, máis de 35 km e máis de 100 km), prevendo un maior importe canto máis lonxe, ademais dos niveis de renda familiar. Nesta modalidade aprobáronse as 8 solicitudes presentadas e recibirán desde 150€ a 250€.
Tras os informes dos Servizos Sociais municipais concedéronse, pois, un total 39 axudas, 31 para o estudo e 8 para desprazamento, cun importe total de 7.000 euros. A comisión que avaliou o cumprimento das bases da convocatoria rexeitou catro solicitudes, pertencentes a dúas unidades familiares que superaban os niveis de renda. O aumento dos umbrais económicos xa o ano pasado, e das cantidades por tramos hai dous anos non se traduciu nun incremento no número de solicitudes. Se ben as bases destas axudas municipais permiten a compatibilidade coas doutras Administracións, danse casos en que non se poderán percibir por estar establecido nesas convocatorias, como ocorre coas do Ministerio de Educación.
O Goberno municipal acordou dedicar a diferenza restante da partida económica destinada ás bolsas de estudo para investimentos e actividades do CEIP San Ramón de xeito que se beneficie o conxunto do alumnado. Unha das primeiras accións foi adquisición dun pequeno invernadoiro, logo de que o anterior o rompese o vento, que se está a instalar estes días aproveitando as vacacións de Semana Santa. Outras actividades presentaranse no próximo Consello Escolar, entre elas algunha extraordinaria xurdida no seo do Grupo de Participación da Infancia e a Adolescencia ou propostas polo propio centro.
O anuncio de concesón pódese consultar na sede electrónica do Concello de Moeche
Últimos comentarios