O Concello de Moeche aprobou en Xunta de Goberno Local a concesión das axudas municipais para colaborar coas familias no pagamento da factura da luz. A totalidade das persoas que presentaron a solicitude reunían os requisitos establecidos nas bases.
Esta mesma semana o Concello fixo efectivo o ingreso da axuda – trátase dun pagamento único de 150€ – ás familias que cumprían os requisitos como unidades de convivencia con menor renda e, entre outros, que xa sexan beneficiarias do bono social eléctrico cunha antigüidade mínima de 3 meses.
Con todo, se non se està dentro do Bono Social de Electricidade tamén recibe a axuda municipal se se cumpre algunha das seguintes condicións: unha renda da unidade de convivencia igual ou inferior a dúas veces o IPREM de 14 pagas; que a persoa consumidora ou todos os membros da unidade que perciban ingresos sexan pensionistas do Sistema da Seguridade Social (xubilación ou incapacidade permanente) cobrando a cantidade mínima vixente e sen percibir outras cantidades cuxo importe agregado anual supere os 500 euros; ou, por último, que a persoa consumidora ou algún membro da unidade de convivencia sexa beneficiario do Ingreso Mínimo Vital ou dunha Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).
A axuda está co-financiada con cargo ás achegas do POS Social da Deputación da Coruña e ten por finalidade apoiar ás familias máis vulnerables ou en risco de exclusión social axudándolles a facer fronte ao pagamento da subministración enerxética.
O Concello, desde o departamento de Benestar Social, simplificou ao máximo a tramitación e ofreceu a posibilidade de ter o apoio dos Servizos Sociais para orientar ás familias na tramitación.
Últimos comentarios