O Pleno municipal someteu onte a debate e votación as contas municipais deste ano, que prevén a cifra de 2.119.600 euros tanto no apartado de ingresos como no de gastos. O número aprobado inicialmente -só cos votos do Grupo de Goberno- é un 8,1% inferior ao de 2021, aínda que cómpre sinalar que no documento orzamentario non van incluídas distintas achegas doutras administracións, como por exemplo as referidas a persoal, a do Plan de camiños da AGADER ou os programas de emprego Aprol Rural e PEL, cuxos importes se descoñecían no momento de deseñar as contas. De feito, o Executivo local prevé que o Orzamento 2022 acabe chegando aos 2.4 millóns de euros a medida que se vaian incorporando a el tanto esas partidas como as que poida xerar o propio consistorio con remanentes.
As cantidades máis reseñables que se expuxeron na sesión reflicten unha reserva de 540.000 euros para gastos de persoal (o 25,48%) e un Capítulo 2 de gastos en bens e servizos -os necesarios para o funcionamento do Concello- que ascende a 724.600 euros, un 9,82% máis que en 2021 debido en parte ao acusado incremento dos custes enerxéticos e doutras subministracións.
No apartado de transferencias correntes, destinadas a colaborar coas familias e co tecido sociocultural e deportivo do municipio, Moeche recolle no Orzamento 15.000 euros para axudas por estudos, 5.000 para atender situacións de emerxencia social e 4.500 euros dirixidos a actividades e investimentos das entidades veciñais.
Neste capítulo tamén se contemplan as cantidades para a sinatura de catro convenios nominativos: un de 4.000 euros coa ACDR Moeche para o mantemento do campo de fútbol, outro de 6.000 coa AC Irmandiños para colaborar co Festival Irmandiño, un terceiro de 3.000 euros coa Escudería Moeche para reeditar o Slálom Concello de Moeche e, por último, outro de 2.500 euros para contribuír ao sostemento da nova Escola de Fútbol Irmandiños.
O Capítulo 4 supón, polo tanto, un total de 49.000 euros. É un 18% menos que en 2021, posto que nas contas previstas para esta anualidade xa non van axudas específicas para compensar os efectos económicos da pandemia. Con todo, tal e como se aprecia no Capítulo 5, Moeche incrementa en cerca dun 67% -ata os 10.000 euros- os seus fondos de continxencia para a atención de necesidades “imprevistas, inaprazables e non discrecionais” que poidan xurdir ao longo do exercicio.
766.000 euros para investimentos
As cifras máis destacadas do Orzamento 2022 complétanse co Capítulo 6 dos investimentos reais. A cifra alcanza os 766.000 euros, o 36,14% do gasto municipal. Aí xa van incluídos os proxectos acollidos ao POS+ e outros financiados con achegas doutras Administracións e recursos propios, xa sexan actuacións novas ou obras rematadas na presente anualidade cuxo pagamento ha de contabilizarse neste orzamento.
Son a pavimentación de camiños en Abade, San Ramón, Balocos e Ramil, xunto coas de Pradochao, San Xurxo, Ponte do Sur e Vigo, as beirarrúas en Mil de Arriba e un programa de reparacións en Labacengos que incorpora outras pequenas intervencións na rede viaria. Tamén aparecen o acondicionamento dos accesos á zona deportiva de San Ramón, a rehabilitación da nave do polbo do recinto feiral, a renovación dos contidos expositivos do castelo de Moeche e a nova traída municipal Loureiro-Os Acivros. En relación cos servizos básicos, o Orzamento apunta a que case o 40% do capítulo de investimentos municipais se dedicará á construción dunha nova captación de auga e a melloras no abastecemento.
O Orzamento incrementarase nos próximos meses
Malia que as contas de 2022 se sitúan en 2.119.000 euros, o Grupo de Goberno precisou na sesión celebrada onte que o importe de ingresos e gastos será maior a finais de ano. A alcaldesa -que non asistiu ao pleno por continuar de baixa debido á COVID-19- explicou que no momento de preparar o documento aprobado con carácter inicial non se puideron incluír transferencias doutras administracións “das que descoñeciamos o importe”, entre elas as achegas do Plan de camiños de AGADER, o POS Social ou as cantidades dispoñibles para a contratación de persoal con cargo ao Aprol Rural ou o Plan de Emprego Local da Deputación.
Bascoy engade que tamén quedarían por incorporar remanentes económicos xerados “a raíz de investimentos aprobados e adxudicados, como o centro social de Labacengos, a adquisición da desbrozadora e outros”. As estimacións do Executivo local cuantifican o total do incremento orzamentario “en arredor de 300.000 euros”, que se irán engadindo ás contas por medio de modificacións a medida que os importes vaian estando dispoñibles.
Ingresos parecidos aos do ano pasado, agás nas transferencias doutras Administracións
Todos os gastos e investimentos municipais -os 2.1 millóns de euros- deben estar sostidos cunha previsión coincidente ao céntimo en canto a ingresos. Así, o Concello agarda recadar 327.000 euros en concepto de impostos directos -principalmente por IBI rústico e urbano- e outros 273.000 mediante impostos indirectos, taxas e prezos públicos e ingresos patrimoniais.
Porén, os dous apartados con maior peso para o financiamento municipal son, por unha banda, os 762.500 euros previstos en concepto de transferencias do Estado, Xunta e Deputación. É un 12,2% menos que o ano pasado, “debido a que este ano a Xunta e a Deputación xa non proporcionarán fondos extraordinarios para facer fronte aos gastos ocasionados pola pandemia”, puntualiza Beatriz Bascoy.
O outro grande apartado dos ingresos son as denominadas “transferencias de capital”, que abranguen as achegas para proxectos concretos (o POS+ por exemplo). Neste caso as previsións sitúanse en 716.000 euros.
O Goberno local cualificou o proxecto orzamentario como “realista” e “axeitado ás necesidades municipais” por estar baseado -segundo a memoria da alcaldía- “na austeridade, o control do gasto público, a procura da eficiencia e a eficacia na xestión municipal e a prioridade da área de Benestar Social”. As contas que rexerán a actividade municipal durante este 2022 aprobáronse cos votos favorables do BNG e a abstención do PP.
Últimos comentarios