A distribución de máis de 339.000€ dos fondos do Plan de Obras e Servizos, POS+2025 e Plan Adicional da Deputación da Coruña, proposta polo Goberno municipal, resultou aprobada este mércores 5 de febreiro en sesión extraordinaria do Concello Pleno por unanimidade (6 votos BNG, 1 PP). No POS+2025 a Moeche correspóndenlle 339.518,70 para investimentos e gasto corrente. Ademais tamén se incluíu na proposta aprobada os proxectos do Plan Complementario, por valor de 169.025,05€ que se aproban en agarda de que a Deputación xere novas partidas económicas ao longo do ano para poder executalos. Entre POS+2025, POS 3 adicional e POS Social Moeche recibe preto de 450.000 euros, aos que se sumarán posteriormente os fondos do POS+ complementario.
O Goberno local dedicará a gastos correntes – luz e auga – un total de 174.462,17€, e 165.056,53€ a obras de pavimentación en 9 vías e ampliación da rede de saneamento. Por outra banda, no caso do Plan complementario que o ente provincial dotará de fondos procedentes dos seus remanentes, Moeche optou por incorporar tres proxectos financeiramente sostibles: a nova cuberta do anexo do local social do Pereiro, a construción de vestiarios no campo de fútbol municipal e a renovación do parque infantil detrás da Casa do Concello, os tres cun valor de 169.025,05€
Os concellos da provincia da Coruña deben ratificar en pleno a súa participación nos programas provinciais e aprobar os proxectos cos que cubrir os importes reservados nas distintas liñas que convoca a Deputación provincial no marco do POS+.
Gasto corrente
O Goberno local optou por dedicar o total da achega directa do ano 2025 ao sostemento económico de servizos básicos como son o gasto en iluminación pública ou os custes do abastecemento domiciliario de auga potable. Neste capítulo resérvanse 174.462,17€
INVESTIMENTOS
Para investimentos destínanse 165.056,53€ € do POS inicial, dirixidos a dous proxectos de obras. Os proxectos definidos son os seguintes:
- Pavimentación de camiños en Vilazanche, Casanova, Finlle, Requiá, Loureiros, Balocos, O Piñeiro e A Cruz, orzamentado em 95.519,43€.
- Ampliación rede de saneamento en San Xiao (Labacengos) , cun investimento de 69.537,10€
Na distribución de fondos provinciais tamén hai que contar co que depara o Plan complementario, que a Deputación dotará economicamente ao longo do ano. A proposta do Goberno local aprobada en Pleno recolle tres proxectos por importe de 169.025,05€ que se destinarán a:
- Substitución da cuberta do anexo do local social do Pereiro (San Xurxo) cun importe de 42.590,64 €, co fin de que se poidan desenvolver actividades veciñais nunhas boas condicións e evitar a deterioración actual que xera gastos de mantemento continuos. Suporá dotar dunha nova cuberta , con retirada do material de amianto actual.
- Construción duns vestiarios no campo municipal de fútbol de Moeche por importe de 79.533,60€, situados baixo as gradas construidas con cargo ao POS+2019
- Subministro e colocación de equipamento para mellora de parque infantil en San Ramón por importe de 46.900.81€
O Plan complementario do POS+ é un programa que a Deputación obriga a solicitar coa previsión de financialo cos remanentes económicos de 2024 e que, polo tanto, varía no seu importe dependendo da consignación económica que faga finalmente o ente provincial.
POS +GASTOS SOCIAIS
Neste 2025 tamén se xerou un plan a través do POS+ 2/Adicional 1/2021 que terá un contido eminentemente social. No caso de Moeche a achega sitúase nos 35.472,10 € no POS+ Social, dedicado a gastos sociais como o servizo de podoloxía , as axudas ao subministro de enerxía.
POS+ 3/AD REDUCIÓN DE DÉBEDA
E este ano establécese unha liña a POS+ 3AD, que se pode dedicar a investimentos excepto que o Concello teña débeda coa Deputación, como é o caso de Moeche. Este ano a achega destinarase a parte do importe utilizado a finais de 2014 o préstamo da Deputación para pagar a débeda bancaria derivada da expropiación do terreos sobre os que se construíu a actual Casa do Concello e os xuros derivados da sentenza xudicial recaída sobre a incorrecta expropiación. Nesta anualidade a Moeche concédenlle 60.809,32€ para amortizar a débeda coa Deputación, acordo que se aproba por resolución da Alcaldía..
Últimos comentarios