O Boletín Oficial da Provincia do luns 21 de agosto publicou o anuncio que marca a apertura do prazo de solicitude das axudas municipais para actividades, obras ou servizos que leven a cabo as entidades do territorio ao longo deste ano. A liña, cuxas bases saíron no BOP do 8 de agosto, diríxese ao financiamento do tecido asociativo no ámbito cultural, deportivo e de dinamización veciñal, pero tamén está deseñada para colaborar cos colectivos nos seus gastos de funcionamento, como son consumos enerxéticos, obras ou merca de equipamento. A partida total ascende a 4.000 euros, que se distribuirán en concorrencia competitiva de acordo cos baremos establecidos nas bases. Cómpre ter en conta, porén, que a estas subvencións só poderán optar aquelas asociacións e clubs que non asinasen -ou vaian asinar- convenios nominativos, para os que o Concello dispón doutra partida por valor de 16.500 euros. O prazo para presentar a documentación -obrigatoriamente por vía electrónica- é de 15 días naturais contados desde o 22 de agosto, de modo que finalizará ás 23:59h do día 5 de setembro
Máis en detalle, as bases definen como subvencionables aquelas actividades culturais, deportivas e educativas “en todas as súas vertentes” que se desenvolvan con carácter puntual ou anual. Tamén se poderán sufragar coa axuda municipal gastos de mantemento ordinario e xeral, como son os de electricidade, teléfono, desprazamentos, etc., así como os referidos a obras e actuacións de conservación ou mellora que efectúen aqueles colectivos sen fins de lucro que dispoñan de local en propiedade ou alugado. As asociacións que non posúan instalacións de seu tamén poderán incluír gastos en equipamento, sempre e cando poida ser retirado sen perder a súa utilidade. No articulado da convocatoria precísase, por outra banda, que os importes subvencionados en concepto de xestoría administrativa non poderán superar o 5% da cantidade concedida que se deba xustificar.
As achegas distribuiranse seguindo varios criterios de valoración puntuables: os gastos en obras e mantementos que deban soportar os colectivos, a cantidade e periodicidade sostida das actividades culturais e educativas que desenvolvan, o feito de que se dirixan a públicos determinados -muller, persoas maiores, mocidade ou infancia-, que estean enfocadas na difusión da cultura galega ou na recuperación patrimonial.
No caso de clubs e entidades deportivas puntuarase o número de licenzas federativas, o número de participantes na actividade subvencionada, a periodicidade e permanencia no tempo, e igual que en cultura, que se deseñen programacións orientadas á muller, á terceira idade e a rapazada.
O Concello outorgará ata 1 punto por programas culturais, educativos e deportivos que se executen en colaboración con outras entidades ou pola edición de voceiros e outro material divulgativo ou de difusión. Tamén lle asignará outro punto aos colectivos solicitantes que colaboren co consistorio no desenvolvemento de actividades municipais.
En canto aos conceptos non subvencionables, as bases sinalan os gastos financeiros, notariais, rexistrais e periciais; ademais das multas, sancións e sobrecargas administrativas ou penais. Tampouco se subvencionarán as actividades ou investimentos que cubrisen o 100% do seu custe con axudas procedentes doutras Administracións. Se esa porcentaxe fose inferior, si se poderá complementar a diferenza coa achega municipal. Tamén quedarán fóra desta convocatoria todas aquelas solicitudes, proxectos ou actividades que non utilicen o galego como lingua vehicular.
A convocatoria precisa que tampouco poderán solicitar as subvencións en concorrencia competitiva as entidades que conten con convenio de colaboración municipal. Nesta circunstancia encóntranse a AC Irmandiños -organizadora do Festival Irmandiño-, a Asociación Deportiva Cultural e Recreativa Moeche -que sostén o equipo de fútbol local e o mantemento do campo-, a Escola de Fútbol Irmandiños -responsable da base desta disciplina en Moeche e noutros concellos-, a Asociación Automobilística Moeche -organizadora do Slálom celebrado recentemente- e o Club de Montaña Moeche. O importe total para convenios ascende a 16.500 euros, o que -sumando os 4.000 euros da liña competitiva- eleva a 20.500 euros o total dedicado polo Concello a cooperar co tecido veciñal, cultural e deportivo do municipio.
Os aspectos administrativos e todos os modelos que se deberán presentar para solicitar as axudas están dispoñibles no anuncio do Boletín Oficial da Provincia publicado o pasado 8 de agosto. Unha vez que tamén se publicou o extracto da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións empeza a correr o prazo de 15 días naturais para facer o trámite, achegando as solicitudes e outra documentación obrigatoriamente a través da Sede Electrónica municipal. Finalizará ás 23:59h do martes 5 de setembro.
- Ligazón ao anuncio coas bases e os modelos publicado no Boletín Oficial da Provincia – Versión .PDF (Publicado o 8/8/2023)
- Ligazón ao anuncio sobre a publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e apertura do prazo (Publicado o 21/8/2023)
Últimos comentarios