O Concello de Moeche aprobou o pasado día 25 en Xunta de Goberno Local as bases polas que se rexerá a concesión das axudas municipais para colaborar coas familias no pagamento da factura da luz. Igual que na rátase dun pagamento único de 150€ dirixido a aquelas unidades de convivencia con menor renda e que cumpran os requisitos. O importe total que se distribuirá ascende a 4.000 euros cofinanciados con cargo ás achegas do POS Social da Deputación da Coruña. O prazo de solicitude -15 días naturais- iniciarase tan pronto como saia publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, algo que seguramente ocorra nos vindeiros días, posto que as bases tamén deberán publicarse na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). En calquera caso, aquelas persoas que desexen obter máis información para ir preparando a documentación poden contactar cos Servizos Sociais municipais no 981 404 006 a partir de mañá.
Segundo o texto das bases reguladoras, a convocatoria ten por finalidade apoiar ás familias máis vulnerables ou en risco de exclusión social axudándolles a facer fronte ao pagamento da subministración enerxética ante a “suba imparable” do prezo da luz.
Para poder acollerse ás achegas municipais hai varios requisitos xerais que se deben cumprir, como son o de que as persoas solicitantes sexan maiores de 18 anos ou menores que se emancipasen, que teñan empadroamento en Moeche desde polo menos os 6 meses anteriores á data de publicación da convocatoria e, importante, que sexan beneficiarias ou beneficiarios do bono social eléctrico cunha antigüidade mínima de 3 meses.
Con todo, se non se está dentro do Bono Social de Electricidade tamén se poderá optar á axuda municipal se se cumpre algunha das seguintes condicións: unha renda da unidade de convivencia igual ou inferior a dúas veces o IPREM de 14 pagas; que a persoa consumidora ou todos os membros da unidade que perciban ingresos sexan pensionistas do Sistema da Seguridade Social (xubilación ou incapacidade permanente) cobrando a cantidade mínima vixente e sen percibir outras cantidades cuxo importe agregado anual supere os 500 euros; ou, por último, que a persoa consumidora ou algún membro da unidade de convivencia sexa beneficiario do Ingreso Mínimo Vital ou dunha Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).
As persoas interesadas terán 15 días naturais para presentar a solicitude e outros documentos necesarios establecidos nas bases: copia do DNI, autorización de consulta do empadroamento, acreditación do bono social eléctrico, facturas da luz, certificacións da situación económica, declaracións da renda, etc. Ese prazo comezará a contar ao día seguinte da publicación no BOP do extracto da convocatoria publicado á súa vez no BDNS, aínda que as bases xa estarán dispoñibles no boletín oficial de hoxe e nesta ligazón.
Debido a que pode haber persoas que teñan dificultades para formalizar a solicitude e achegar a documentación necesaria, o Concello esforzouse por simplificar ao máximo a tramitación e, ademais, ofrece a posibilidade de contactar con Servizos Sociais a partir do 2 de outubro para orientar ás familias e verificar que todo está correcto antes de rexistrar a petición, que poderá facerse presencialmente nas oficinas municipais ou ben a través da Sede Electrónica. Para concertar cita previa ou consultar dúbidas debe chamarse ao 981 404 006.
As axudas municipais para o pagamento da factura da luz consistirán, igual que na convocatoria anterior, nun pago único de 150€ para aquelas unidades de convivencia que cumpran cos requisitos marcados nas bases.
Bases reguladoras aprobadas pola XGL
Importante: Para poder presentar a solicitude haberá que agardar a que abra oficialmente o prazo de 15 días, que comezará a contar ao día seguinte de que saia publicado no BOP o extracto de publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS)
Últimos comentarios