Día 11, data marcada no calendario para a primeira feira do mes en Moeche. Tras varias semanas sen ela por mor das restricións, o consistorio recupera este xoves a celebración dun evento fundamental para a economía local e, sobre todo, para a dos postos que asisten habitualmente. Nesta primeira cita -a seguinte será o 23- confirmaron a súa presenza 65 expositores, aproximadamente a metade dos que ten rexistrados o Concello. Para garantir un desenvolvemento seguro da feira ampliarase o espazo dispoñible, colocarase cartelaría informativa e incluso haberá dispensadores de xel hidroalcólico nos accesos ás naves abertas. Para que todo transcorra como é debido  solicitouse a colaboración de Protección Civil de Neda e da Garda Civil e, ademais, pídeselle á xente que acuda facer compra que evite formar grupos de máis de 4 persoas non conviventes, que manteña a separación entre si e con respecto aos expositores e que non se manipule o xénero. Sobra dicir que a máscara é obrigatoria e que debe ir colocada correctamente.

A reapertura da feira de Moeche responde á boa marcha epidemiolóxica no concello, onde houbo un descenso significativo da incidencia da pandemia e onde xa van varios días sen detectarse novos contaxios. O territorio encóntrase neste momento no nivel de restrición medio, o que permite celebrar mercados de rúa sometidos a certas condicións preventivas.
Neste sentido, Moeche conta cun listado de 115 postos, dos cales acoden regularmente ás citas do 11 e do 23 unha media que varía entre os 70 e os 90. De acordo co actual nivel de limitacións en San Ramón poderían reunirse a metade dos puntos de venda autorizados, aínda que a Xunta tamén dá a posibilidade de acomodalos a todos sempre e cando se amplíe proporcionalmente o espazo dispoñible. Para mañá confirmaron asistencia un total de 65, polo que abondará con incrementar a superficie á explanada sur do recinto e á rúa que dá a Cristo do Rañal.
Canda a redistribución dos postos -que deberán gardar como mínimo 1,5m de separación entre eles-, o Concello volverá incidir na prevención mediante cartelaría, colocando dispensadores de xel nos accesos das naves do mercado e do gando e vixilando que a feira se desenvolve cumprindo a normativa en canto a distanciamento persoal, uso de máscara e outras obrigas. Por este motivo solicitouse a colaboración da agrupación de Protección Civil de Neda e do posto da Garda Civil de San Sadurniño, como reforzo do persoal municipal que atende habitualmente a organización das feiras.
Ademais a entrada na nave do gando só estará permitida a persoas que vaian vender ou comprar animais e o bar da nave do mercado permanecerá pechado polo momento. Si haberá polbeira, que deberá aplicar as medidas establecidas para a hostalaría.
Desde o Concello insístese en que as persoas que acudan á feira deben respectar todas as normas de prevención, sobre todo a que prohíbe que se formen grupos de máis de 4 persoas non conviventes. Pero hai máis: o xénero -principalmente os produtos alimentarios- non poderá manipularse, haberá que gardar a separación tamén con respecto ás persoas que atendan os postos e as máscaras, ademais de ser obrigatorias, deben ir correctamente colocadas en todo momento.
Agárdase que a situación sanitaria continúe mellorando e que Moeche siga nas próximas semanas dentro dos niveis menos restritivos, de cara a que se poida manter a celebración regular das feiras e ir recuperando actividades e programacións interrompidas pola terceira onda da pandemia.