A Real Academia Galega decidiu dedicarlle as Letras deste ano 2018 á profesora e escritora María Victoria Moreno Márquez. Madrileña de nacemento e galega de adopción, Moreno chegou a Galicia con tan só 22 anos para exercer como mestra. Quedou enfeitizada por unha fala e unha cultura que lle eran alleas pero que en pouco tempo adoptaría como propias, creando arredor delas unha ampla obra literaria na que tocou a narrativa -principalmente a infantil e xuvenil-, o ensaio, a poesía e a didáctica. Moeche honrará a súa figura e tamén a nosa lingua e a nosa Cultura con varios actos organizados para os próximos días tanto polo Concello como polas entidades veciñais.

Os eventos comezarán o propio 17 de maio pola mañá -11.30h.- cunha actividade organizada pola asociación veciñal Val de Moeche. O alumnado do seu curso de cestaría fará unha demostración ao vivo no Castelo de Moeche, onde tamén se pode visitar ata o día 27 unha mostra das cousas que fixeron nos últimos meses: cestos, cestas, adornos para botellas, bolsos, etc.  Nesta ocasión o acceso ao castelo é libre, pero desde o Concello lémbrase que  a veciñanza do municipio pode entrar no recinto en calquera outro momento e completamente de balde co pase anual que se deberá solicitar na casa consistorial. Na tarde do xoves, a partir das 17.00h. a A.VV. de Labacengos programou unha pequena homenaxe musical coa que lembrar a María Victoria Moreno. No local social do Ventoeiro oiremos textos da autora alternados coa música de Sara Guerreiro e Javier Rodríguez, voz e acordeón respectivamente do grupo tradicional Encrucillada.

O sábado 19 as actividades das Letras trasládanse ao Mercado de Moeche, un recinto que se está impulsando como referente comercial para os produtos de calidade da zona, pero tamén como punto de dinamización cultural. Por iso, neste sábado da semana das Letras, o Concello ofrece ás 12.00h. a actuación musical “Homenaxe aos poetas”. O artista Manoel de Felisa fará un percorrido pola literatura galega con textos musicalizados, empezando por Martín Códax e seguindo polos grandes poetas ata os nosos días, incluída Mª Victoria Moreno.

O Castelo de Moeche será escenario o sábado 26 dun dos grandes eventos das Letras Galegas 2018. Ás 19.30h. alí actuará Paco Nogueiras co seu  “Brinca vai!”. Trátase dunha actuación musical dirixida á rapazada a partir dos 3 anos xunto coas súas familias.  Nogueiras arrastra tras de si lexións de nenas e nenos seguindo as súas letras e melodías, publicadas no libro-disco do mesmo nome que practicamente todas e todos teñen na casa. O artista dos lentes e o chapeu azul chega a Moeche da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña. A entrada é gratuíta para a cativería, mentres que para as persoas adultas terá un prezo de 2€. Quen posúa o Carné Xove ou sexa maior de 65 anos só pagará 1 euro.

Novos fondos e materiais para a biblioteca
En relación coa literatura e a creación cultural en galego, desde a área de Cultura informan de que o Concello acaba de obter dúas subvencións da Xunta para a mellora dos fondos e do equipamento da Biblioteca Municipal. Mercaranse as últimas novidades editoriais na nosa lingua, pero tamén outras obras, material audiovisual e electrónico. Na propia Biblioteca, situada no soto da Casa do Concello, hai un buzón de suxestións para que a veciñanza achegue as súas peticións que. Desta consulta tamén se fará partícipe ao alumnado do CEIP San Ramón co obxectivo de achegalo á biblioteca, que está aberta pola semana de 10.00 a 14.00h. e os venres tamén pola tarde, de 16.00 a 20.00h.