As empresas adxudicatarias da pavimentación de pistas con cargo ao POS+ e o plan de camiños da AGADER aceleran durante estes días os traballos para tentar concluír todos os proxectos antes das vacacións do Nadal. A execución das distintas obras, repartidas por San Xurxo, Labacengos e Abade, está desenvolvéndose dentro dos prazos a pesar das interrupcións e as demoras provocadas polo mal tempo, sobre todo durante o pasado mes de novembro. Así, dentro do plan provincial xa están listos o tramo do Castelo de Arriba, en San Xurxo, e o que enlaza Loira coa Veiga, en Labacengos. En breve comezará a pavimentación da pista que vai do Castro á Casanova, en Abade. Por outra banda, no caso do aglomerado acollido ao plan de camiños, acaba de rematarse a fase comprendida entre o Castelo e a Costa, con previsión de continuar axiña coa parte que queda ata Felgosa. Son máis de tres quilómetros de pistas municipais nas que se investirán algo máis de 102.000 euros, parte deles sufragados directamente polo Concello.
As obras incluídas no POS+ agrupáronse nun mesmo proxecto para renovar o firme en tres camiños de San Xurxo, Abade e Labacengos -cerca de 1,5 quilómetros en total-, ademais de mellorar a drenaxe dun tramo de 95 metros no Outeiro (San Xurxo) por medio do revestimento da cuneta e a instalación de novas canalizacións soterradas.
No tramo do Castelo de Arriba reparáronse 305 metros cun ancho medio de 3 metros, no trazado entre o Castro e a Casanova limpáronse e asfaltáronse de novo algo máis de medio quilómetro e no camiño que enlaza Loira coa Veiga, de execución inminente, serán outros 410 metros. En todos os casos as prescricións técnicas inclúen a limpeza das cunetas e do firme antigo, ademais do tapado de baches como paso previo ao estendido da nova capa de rodadura asfáltica.
Estas catro obras en San Xurxo, Labacengos e Abade adxudicáronselle a Construcciones Saavedra y López en 35.990 euros, impostos incluídos.
Outra obra que tamén está en marcha é a da pista que sobe desde o castelo até o cruzamento coa estrada provincial DP-4904 en Felgosa (San Xurxo), aínda que neste caso cofinanciada con fondos FEDER canalizados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e cunha achega do Concello. O investimento ascende neste caso a 66.036,68 € (IVE incluído) cos que se repararán 1,2 quilómetros de estrada.
A metade do traxecto, comprendido entre as inmediacións do castelo de Moeche e o lugar da Costa, quedou reparado hai uns días e proximamente proseguirase coa metade restante, desde a Costa ata Felgosa. A finalidade da obra é mellorar a seguridade do tráfico e peonil de toda a pista, dotándoa dunha capa aglomerada de 5 centímetros de grosor e dun ancho regular en todo o percorrido. Os traballos tamén comprenden a limpeza de ambas cunetas e o estendido dunha base de saburra compactada que permita ampliar as marxes un promedio de 0,5 metros por cada lado.
Deste proxecto estase encargando Obras y Saneamientos Galicia S.L. e, se todo vai sobre o previsto, a empresa agarda poder rematalo antes de coller as vacacións do Nadal.
Últimos comentarios