De  novo  podemos gozar das rutas xeolóxicas dentro do programa de actividades do Xeoparque Cabo Ortegal, quen deseñou unha ampla oferta de itinerarios xeolóxicos  no verán 2024 . Moeche  ofrece 10 rutas xeolóxicas na Mina Piquito,  1 ruta do toelo e 2 rutas do cobre, estas últimas compartidas co Concello de Cerdido

Ruta xeolóxica Mina Piquito

Permítenos percorrer o interior da Mina Piquito, derradeiro xacemento subterráneo de cobre que se pechou en Galicia, aló polo ano 1969. Nesta antiga explotación mineira poderanse observar unhas excepcionais formacións de estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca, marrón e negra. As rochas que se poden observar nas galerías estiveron no fondo do mar hai aproximadamente 400 millóns de anos. Unha experiencia única que fai esta ruta moi atractiva.

O grupo máximo para cada visita serán 10 persoas de máis de 11 anos. Os preparativos de seguridade e a visita guiada por Fran Canosa duran arredor de 2 horas O percorrido é curto e doado; a parte máis espectacular da ruta transcorre polas galerías da mina, que non están acondicionadas para persoas con mobilidade reducida. Aínda que na visita se utilizará luz artificial autónoma, hai que ter en conta que as características do xacemento non ofrecen condicións axeitadas para persoas con aprehensión aos espazos escuros e pechados.

Para realizar esta ruta é obrigatorio levar botas de auga e luz (frontal, lanterna convencional ou led). Non é necesario levar casco xa que o proporciona o Concello de Moeche.

Ruta xeolóxica do toelo

Achegarémonos ao coñecemento dun dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia: as serpentinitas ou toelo. Estas rochas, cunha fermosa cor verde, foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta  ruta xeolóxica. O trazado é de dificultade baixa sobre unha distancia duns 3 quilómetros que se fan en arredor de dúas horas e media seguindo as explicacións do xeólogo Fran Canosa. Ofértase un máximo de 20 prazas en cada unha delas.

Ruta xeolóxica do Cobre

Nesta ruta xeolóxica, na que colaboran o Concello de Moeche e o Concello de Cerdido, visítanse as principais instalacións das antigas minas de cobre. Unha intensa actividade mineira que rematou arredor do ano 1969. Unha antiga cheminea de calcinación, unha planta de tratamento químico, as balsas de estériles ou as entulleiras serán os principais puntos de visita polos que discorrerá esta ruta, que ten por obxectivo coñecer de primeira man como se traballou nestas minas, que minerais se obtiveron delas, así coma a xeoloxía dos materiais presentes nesta zona.

O percorrido ten unha dificultade baixa, aínda que é aconsellable levar un calzado cómodo. O desprazamento entre as distintas paradas realizarase en coches particulares. Hai un máximo de 20 prazas dispoñibles.

 Calendario rutas xeolóxicas en Moeche

Xullo

XeoRuta Mina Piquito: 15 de xullo; 28 de xullo , ás 10 e ás 12 h

XeoRuta do Toelo: 25 de xullo,de 10.30 a 13. 30 h

XeoRuta do Cobre (con Cerdido): 19 de xullo, de 10 a 13 h

Agosto

XeoRuta Mina Piquito: 3 de agosto;  17 de agosto; ás 10 e ás 12 h

XeoRuta do Cobre (con Cerdido): 15 de agosto ,de 10 a 13 h

Setembro

XeoRuta Mina Piquito: 8 de setembro, ás 16.30 e ás 18.30 h

Inscricións:

Todas as reservas deben de realizarse a través da páxina web www.xeoparquecaboortegal.gal

Información  na web www.xeoparquecaboortegal.gal