O Director científico do Xeoparque da Costa Vasca, Asier Hilario, percorre estes días o territorio do Ortegal para coñecer de primeira man os recursos cos que conta a zona para propoñer a súa candidatura como xeoparque da UNESCO. Hilario estivo onte na zona costeira e ao longo de hoxe visitou os municipios do interior -San Sadurniño, Cerdido e Moeche- co obxectivo tamén de orientar ao consello de dirección do proxecto sobre como estruturar o plan estratéxico. Nunha xuntanza cos responsables municipais dos sete concellos implicados, o experto asegurou que a zona dispón de recursos xeolóxicos “de sobra” para avalar a entrada do complexo do Cabo Ortegal na rede global de xeoparques. Porén, tamén puntualizou que o proceso de obtención do distintivo “é longo” e que, unha vez conseguido, hai que seguir traballando para mantelo.

“É importante que todos esteades co proxecto. Se un falla, todo cae”, díxolles Hilario aos sete rexedores para poñer o acento en que a posta en marcha dun xeoparque non só implica contar con recursos relevantes desde o punto de vista científico, senón que tamén fai falla unha definición “en conxunto” e unificada do proxecto que se quere levar adiante e que despois deberá sosterse no tempo.

Neste sentido, o xeólogo vasco considerou fundamental contar cun órgano de xestión propio que sexa “moi áxil” á hora de funcionar, de dinamizar o territorio e de aplicar a programación de actuacións recollidas no plan do proxecto. Para Hilario -e tamén para a UNESCO- o plan de xestión é básico.  “O Cabo Ortegal en xeoloxía véndese por si só pola súa relevancia científica, pero tamén é un sitio moi espectacular. Un xeoparque non é soamente iso, agora temos que facer que ese recurso sexa ‘consumible’ e que sirva para o desenvolvemento local. Do que se trata é de facer un bo proxecto para aproveitar ese recurso a través da ciencia, do turismo, da educación… e lograr coa implicación dos axentes sociais que a zona se posicione internacionalmente”.

Porén, o camiño para a obtención do distintivo da UNESCO é longo. A principios de ano hai que enviarlle unha carta ao Comité Nacional de Xeoparques para manifestarlle a intención de optar ao recoñecemento. Logo, antes de que remate o ano, tamén hai que canalizar a través dese órgano consultivo estatal o documento completo da candidatura e, se todo vai ben, antes do verán do ano seguinte a UNESCO enviará o seu persoal de avaliación, que revisará in situ se se cumpren as condicións para obter o selo que nestes momentos só teñen 145 lugares en todo o mundo, 11 deles en España. Un selo que, para facernos unha idea, ten a mesma categoría de recoñecemento internacional có dunha cidade ou monumento Patrimonio da Humanidade.

A diferenza doutros proxectos, neste caso a avaliación faise coa iniciativa xa en funcionamento. É dicir, non serve con presentar unicamente papeis e despois agardar a ver que pasa, senón que, no momento en que se dá o paso de presentar a candidatura, xa hai que estar traballando. “Cando un xeoparque recibe os avaliadores ten que demostrar que xa está funcionando como xeoparque”, comenta Asier Hilario. “Teñen que ver claramente que é algo que xa está en marcha.” Ademais, despois de entrar na rede tamén hai obrigas. Unha delas é, precisamente, traballar en rede con outros xeoparques; outra sería a de pasar as revisións da UNESCO cada dous anos e incluso a de que o persoal técnico de xestión ten que asistir  aos congresos e convencións convocados en todo o mundo pola rede global.

Unha figura que tira polo desenvolvemento sostible
Basicamente, o que fai a figura do xeoparque é poñer en valor o patrimonio xeolóxico dunha área determinada -que de por si debe ter características especiais merecentes do distintivo-, xuntándoo con outros factores. Hilario explícao de forma gráfica: “hai que ter un discurso, saber que imos contar. Temos a letra A dos elementos abióticos -o patrimonio xeolóxico-, sobre os que se asenta a letra B dos elementos bióticos -a fauna, a flora e a poboación- e, por último, temos a letra C da cultura asociada a todos os anteriores”. Esas tres letras son as tres grandes liñas que marcan a estratexia de calquera iniciativa que aspire a converterse en xeoparque que, en calquera caso, tamén debe ir acompañado “dun plan de interpretación” que axude a entendelo por parte das persoas visitantes e, ao tempo, a que a poboación da zona se identifique e faga seu o proxecto.

Durante a tarde, Asier Hilario visitou a Mina Piquito na compaña da alcaldesa, do xeólogo Fran Canosa e de persoal da Deputación da Coruña

Asier Hilario contou a experiencia do xeoparque do que el é coordinador científico. Abrangue uns 13 Km. da costa dos municipios guipuscoanos de Deba, Zumaia e Mutriku. Alí empezaron a traballar no ano 2005 poñendo en valor como atractivo turístico as formacións rochosas denominadas flyschCinco anos despois entraron na rede de xeoparques cunha candidatura que xa viña avalada polo traballo previo. A xestión faise mediante unha asociación da que forman parte os tres concellos, a Deputación Foral de Guipúscoa e o Goberno Vasco. O balance anual apunta, segundo Hilario, a que polo xeoparque pasan entre 100.000 e 120.000 persoas ao ano, que supoñen un “importante retorno” para o territorio -hotalería, empresas turísticas, etc.- que nestes momentos está sendo obxecto de estudo por medio dunha tese de doutoramento.

Sobre a cuestión, o xeólogo é tallante: “isto merece a pena, merece moitísimo a pena”. Pero tamén advirte de que fai falla traballar e que, unha vez posto en marcha, os concellos han de asumir a responsabilidade de termar do xeoparque.  “Os concellos teñen que  aportar, o xeoparque non fai o traballo por eles”. Entre as recomendacións que Hilario lles deu aos representantes municipais e da Deputación estivo a de elaborar un plan director -que se contratará en breve- que sexa “sinxelo, flexible e que sexa o máis barato posible”. Tamén aconsellou non demorarse demasiado na busca de persoal especializado “que tire do carro” para facer o labor de dinamización e o traballo de preparación da candidatura.

O xeólogo vasco percorreu onte a zona costeira do complexo do Cabo Ortegal e hoxe estivo nos municipios do interior. En San Sadurniño achegouse pola mañá á zona do castelo de Naraío e do Forgoselo e, antes do mediodía mantivo un encontro cos seis alcaldes e a alcaldesa dos concellos implicados, xunto con representantes da Deputación da Coruña e co seu responsable de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira. Xa pola tarde, Asier Hilario visitou Cerdido a Mina Piquito e máis a empresa Lácteos de Moeche. Na súa estadía contou como guía técnico co xeólogo Fran Canosa.