A Casa do Concello acolleu a sinatura do convenio de cesión de uso  do local municipal da Casabranca para a posta en marcha da Casa do Maior. A alcaldesa, Beatriz Bascoy Maceiras, e a promotora, Vanessa Toro Rodríguez, fixeron efectiva a sinatura do convenio de cesión, que xa fora aprobada en sesión plenaria  o 10 de  marzo de 2020, pero a situación xerada pola pandemia paralizou temporalmente a resolución destes proxectos por parte da  Xunta de Galicia, administración que financia estas iniciativas. A Casa do Maior rematará as obras  no mes de novembro e abrirá as súas portas  tras a comunicación oficial da Consellería de Política Social 

O acordo asinado establece a cesión por parte do Concello de Moeche a Vanessa Toro Rodríguez,  promotora da Casa do Maior,  dun espazo de 96 metros cadrados, na planta baixa do local municipal da Casabranca  para a finalidade exclusiva da actividade propia da Casa do Maior, por un período de cinco anos, prorrogables por outros cinco.  Todas as obras que se acometan para o bo desenvolvemento da actividade obxecto da cesión corren por conta e risco da promotora e quedarán en  beneficio do Concello de Moeche.

Quen pode acceder? Como  solicitar praza na Casa do Maior?

Poden acceder a este recurso as persoas que teñan recoñecida dependencia en grao I ou grao II e se lles recoñeza este recurso no seu Plan Individual de Atención (PIA).

A solicitude de  revisión do PIA tramìtase no Concello para o seu envío á Xunta de Galicia, quen debe resolver en 45 días como máximo , de conformidade coa comunicación remitida aos concellos.

Requisitos:

  1. Ter recoñecida a situación de dependencia en grado I ou en grado II
  2. Ser maior de 60 anos
  3. Estar en fase de elaboración ou de revisión do PIA e solicitar o recurso da Casa do Maior
  4. Cumprir un dos seguintes requisitos
    • Non ter asignado ningún recurso do SAAD
    • Estar recibindo o Servizo de Axuda no Fogar
    • Estar recibindo a libranza por coidados no contorno familiar.

Persoas sen recoñecemento da situación de dependencia

As persoas maiores que non teñan recoñecida a condición de dependencia poderán acceder ao recurso, polo sistema de libre concorrencia, de existir dispoñibilidade de prazas.

En calquera caso, as persoas que queiran acceder ás casas de maior deberán, en todo caso, seguir o procedemento de recoñecemento da dependencia.

No acceso á Casa do Maior teranse en conta os criterios establecidos pola consellería:

– No caso de persoas maiores en situación de dependencia, terase en conta a aplicación dos criterios establecidos no artigo 44.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes

– No caso de persoas maiores sen grao de dependencia, terán en conta para o acceso ao recurso os seguintes criterios

  1.  A menor capacidade económica
  2. A situación sociofamiliar da persoa
  3. A non percepción doutra prestación ou servizo
  4.  A data de presentación da solicitude de valoración da dependencia
  5.  A idade da persoa solicitante

Compatibilidades

O uso da Casa do Maior  diríxese en  primeiro lugar para as persoas que, recoñecida a dependencia,  non teñan ningún recurso de asistencia asignado, pero tamén é compatible con ter o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou o recurso de  libranza, de tal feito que se poden compaxinar.

Asignación

 A resolución de asignación ou non de praza comunicaralla a  Xefatura  Territorial da  Consellería de Benestar Social, órgano competente para resolver,  á persoa solicitante ea titular da Casa do Maior que se deberá poñer en contacto coa persoa beneficiaria para organizar a súa incorporación nun prazo máximo de 10 días.

Lémbrase: para solicitar praza na Casa do Maior hai que acudir ao departamento de Benestar Social do Concello

Información;

  • Benestar Social , Casa do Concello, 981 404006;  ou pódese solicitar no correo@moeche.gal
  • Casa do Maior 617 858 625