A Casa do Concello acolleu estes días a sinaturas dos convenios coas dúas entidades deportivas futbolísticas, a ACDR Moeche e a Escola de Fútbol Irmandiños. O primeiro deles asinárono o pasado xoves a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o presidente da ACDR Moeche, Andrés Mera González; o convenio que suporá unha achega económica de 4.000 euros para a entidade, como colaboración polas tarefas de mantemento que efectúa ao longo do ano no campo de fútbol municipal de San Xoán. O segundo convenio foi asinado hoxe , luns 5 , pola alcaldesa e polo presidente da Escola de Fútbol Irmandiño, Alberto Todosantos Serantes, cunha achega de 2.500,00 euros para o mantemento das actividades que desenvolve a entidade. O Concello destina á sinatura de convenios de colaboración e liñas de axudas a entidades no orzamento actual un total de 25.500,00 euros.
Asináronse estes días os dous convenios coas entidades deportivas ACDR Moeche e Escola de Fútbol Irmandiños O primeiro deles foi asinado o pasado xoves entre a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o presidente da ACDR Moeche, Andrés Mera. O convenio establece unha achega económica de 4.000 euros para a entidade, como colaboración polas tarefas de mantemento que efectúa ao longo do ano no campo de fútbol municipal de San Xoán e estipula, como termos principais, que o consistorio facilitará as instalacións para a participación do equipo de fútbol nas competicións oficiais, mentres que a asociación se compromete a levar a cabo os labores de conservación e limpeza necesarios.
Ademais destes compromisos, ambas partes tamén asumen outros relativos a gastos de funcionamento ou publicidade. Así, o Concello ocuparase de subministrar material para o coidado do terreo de xogo -fertilizantes, por exemplo- e correrá cos custes dos consumos de luz e auga das instalacións.
Pola súa banda, a ACDR Moeche responsabilizarase da conservación do campo e da limpeza de todo o recinto, incluída a zona exterior. Tamén deberá inserir os logos oficiais do Concello e do Xeoparque en toda a publicidade e anuncios de participación na liga federada. A comunicación que leve a cabo a asociación relacionada cos aspectos recollidos no convenio ha de facerse en galego.
O segundo dos convenios asinouse, este primeiro luns de agosto, coa Escola de Fútbol Irmandiño, representada polo seu presidente Alberto Todosantos Serantes, cunha achega de 2.500,00 euros para o mantemento das actividades que desenvolve a entidade.
O pagamento da axuda realízase en dous pagamentos: o 50% trala sinatura do acordo – xa transferido- e o 50% restante no momento en que a entidade presente a xustificación dos gastos efectuados, dentro da data límite do 30 de novembro deste ano.
Estes convenios, como os asinados ao longo do ano con outras entidades asociativas municipais, en palabras da alcaldesa, “procuran axudar e apoiar a organización e mantemento de actividades e eventos asi como, no caso concreto destes dous convenios, apoiar as entidades no valioso traballo que desenvolven de promoción do deporte e a dinamización social”
Últimos comentarios