O Concello ten aberto o prazo de recepción de ofertas para a levanza do bar da piscina municipal. As empresas e persoas autónomas que queiran optar á xestión deben presentar a documentación requirida nas bases antes do luns 21 de maio ás 14.00h. A grandes trazos, o traballo que deberá desenvolver quen se faga co contrato é o de atender o ambigú, expender as entradas individuais -os abonos tramítanse no Concello- e manter en bo estado de limpeza tanto as instalacións da piscina como o resto da área recreativa de Soutogrande. A duración da adxudicación limítase aos tres meses do verán, entre o 16 de xuño e o 16 de setembro, ambas datas incluídas. A piscina abrirá ao público o luns 18 de xuño mantendo os prezos do ano pasado e acollendo tamén  cursos de natación en horario de mañá. 

Os requisitos marcados nas bases estipulan que a persoa ou empresa adxudicataria deberá abrir as instalacións da piscina nos horarios e datas definidos polo Concello e xestionar o bar, como mínimo, durante eses mesmos horarios, aínda que cabe a posibilidade de aumentalos acordándoo previamente co consistorio. Correrán por conta da adxudicataria a mercadoría que queira vender -dentro do permitido pola lei- e a instalación da maquinaria hostaleira que precise para a súa actividade. Iso si, todo o que recade no ambigú tamén será para ela, agás o importe da venda puntual de entradas, que se ingresará semanalmente na conta do Concello.

Por outra banda, a adxudicataria tamén deberá asumir a limpeza do recinto e non só da zona de bar. Así, as instalacións da piscina municipal, incluídos vestiarios e aseos, pasaranse todos os días, mentres que a limpeza e recollida do lixo da área recreativa ha de facerse, como pouco, catro veces por semana. O material de limpeza e hixiene necesario correrá por conta do Concello, así como a subministración de auga e electricidade.

A adxudicación do contrato de servizos farase mediante procedemento aberto inferior ao límite comunitario, de acordo coa clasificación das licitacións definida na nova normativa de contratación co sector público. Quen teña interese en optar á xestión deberá presentar a documentación requirida nas bases, que se condensa nun único sobre que deberá levar outros dous no seu interior, un cos datos do licitador e outro coa proposición económica. Esta última ten un canon mínimo de 300 euros para toda a duración do contrato.

O prazo para achegar as propostas e maila documentación finaliza o luns 21 de maio ás 14.00h., sendo válida calquera das formas previstas na lei de procedemento administrativo. A mesa de contratación revisará en primeiro lugar que se cumpren os requisitos para poder concorrer ao contrato e, posteriormente, avaliará as propostas presentadas en base a tres criterios: a cantidade económica ofertada -ata 50 puntos-, a experiencia previa en servizos de hostalería semellantes ou áreas recreativas e de lecer -ata 15 puntos- e a duración en situación de desemprego -ata 10 puntos-, no caso de que se trate dunha proposta achegada por unha persoa que se atope nesa circunstancia. Desde esta ligazón poden descargarse as bases completas do procedemento.

A piscina abrirá o 18 de xuño
O vaso de Soutogrande estará aberto ao público xeral desde o 18 de xuño até o 16 de setembro mantendo os mesmos horarios que en anos anteriores:

de luns a venres

sábados, domingos e festivos

xuño

16 a 21.00h.

12 a 21.00h.

xullo e agosto

14 a 21.00h.

12 a 13.00h. para cursos de natación

12 a 21.00h.

setembro

16 a 20.00h.

12 a 20.00h.

As entradas para días soltos poden mercarse no ambigú da propia piscina. Porén, os abonos hai que solicitalos na Casa do Concello de luns a venres en horario de 9 a 14.00h., ou ben enviándolle un correo a daniel.feijoo@moeche.gal. O carné de acceso entregarase despois de presentar toda a documentación requirida. Os prezos públicos de utilización da piscina mantéñense invariables desde 2016, cando se modificou a ordenanza cunha baixa dos abonos familiares:

 

Cota de entrada pública

Menores de 3 anos

gratis

Infantil (ata 12 anos)

1,50€

Entrada xeral (máis de 12 anos)

2,80€

Abono de temporada

Infantil (ata 12 anos)

15€

Persoas de máis de 12 anos

30,50€

Familiar (ata 4 persoas*)

58,50€

Familiar (a partir da 5ª persoa*)

10€

* As persoas usuarias que integren o abono familiar deberán ter unha vinculación directa entre elas, por afinidade o consanguinidade de 3º grao (avós/as, pai/nai, fillos/as, irmá/a, tíos/as, sobriños/as, bisavós, bisnetos)