Durante os últimos días houbo pouca actividade nas obras de construción da rede sanitaria en Abade. A cousa ten a súa explicación. As chuvias de hai unhas semanas encharcaron o terreo e, como resultado, complicaron os traballos de escavación de zanxas, algunha delas de varios metros de profundidade. De aí que a empresa optase por deixar pasar uns días para que o solo enxugase e poder continuar con total seguridade e garantindo que todo o material que vai soterrado quede perfectamente asentado. Aínda así, “as obras van dentro do que tiñamos previsto e se non hai contratempos deberían estar acabadas a mediados ou finais do mes que entra”, tal e como comenta o concelleiro de Obras e Servizos, Magín Lago.

O responsable municipal explica que agora mesmo xa se  instalaron os tubos de saneamento da estrada xeral e os do ramal que baixa ata a zona onde vai a depuradora. Tamén están feitos “os topos que atravesan a estrada xeral,  os diferentes  pocetes, a reposición das canalizacións de pluviais”, confirma Lago.  Ademais, durante a semana pasada visitou as obras persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas “para comprobar que se están facendo conforme  aos criterios técnicos  establecidos nas correspondentes autorizacións”.
Tamén se achegou pola zona o arqueólogo que debe supervisar os traballos, dado que a depuradora -que empezará a instalarse dentro duns días- irá nunha leira relativamente próxima ao castro de Abade, razón pola que calquera intervención debe ir precedida tamén dunha verificación arqueolóxica. A construción deste equipamento marcará o punto e final do “choio gordo” do saneamento. Logo tocará “repoñer as beirarrúas e outras zonas de terra e asfalto que foi necesario levantar para canalizar os tubos”.
A partir de aí comezarán as conexións á rede por parte da veciñanza. Segundo comenta Magín Lago “moita xente xa pasou polo Concello para presentar a solicitude”. De acordo coa ordenanza reguladora, os veciños e veciñas da zona terán que facer un pagamento único de 60€ polo enganche.
As expectativas do Goberno Local son que toda a obra estea rematada cara a mediados ou finais de marzo. Unha previsión de o titular de Obras colle con prudencia: “cando se fala de obras hai que ser prudentes en canto aos prazos. Aínda pode vir moito inverno que retrase o traballo ou poden xurdir imprevistos. Pero, con todo o que vai feito ata agora, non debería haber demasiados retrasos”.
A obra supón a instalación de arredor dun quilómetro de conducións soterradas e  a construción dunha pequena depuradora con capacidade para atender 200 vivendas, ademais da conexión á nova rede da canalización existente  en Leboreiro e Mil de Arriba, que quedara feita hai dúas décadas pero sen levar a ningures. Deste xeito, a zona máis poboada da parroquia – a situada á beira da estrada de Ortigueira- “contará por fin cun sistema de tratamento integral para as augas residuais”.
Do traballo encárgase a empresa Construcciones J. Manuel Piñeiro López S.L. tras facerse co contrato cunha oferta de 108.174€. Esta contía finánciase cunha achega económica do POS+ provincial. Segundo asegura Magín Lago, a infraestrutura sanitaria “vén cumprir unha demanda histórica da parroquia” e súmase á construción doutra rede similar de menor tamaño na zona do Empalme, na parroquia de San Ramón, e á renovación do saneamento na zona do Castelo executada en 2017, proxectos todos eles que, segundo incidiu o concelleiro, “permiten avanzar na ampliación e mellora da rede de saneamento municipal”.