A área municipal de Benestar Social empezará este mércores a ofrecer apoio emocional para sobrelevar os efectos do confinamento. Dúas profesionais da asociación Centro Cune -unha delas veciña de Moeche- brindáronse para axudar e facer sentir mellor a persoas e familias do municipio nas actuais circunstancias. Son Laura Balado e Ana Bouzamayor, quen atenderán cuestións de asesoramento familiar -crianza da rapazada, pautas, rutinas, etc.- e tamén farán un labor de acompañamento telefónico dirixido a quen precise conversar ou desafogarse. De luns a venres  entre as 19 e as 21.00h. estarán operativos dous teléfonos: o 610 984 493 para atención socioeducativa para familias con nenas e nenos e, por outro lado, o  660 244 443 ao que poderán chamar persoas de todas as idades que necesiten falar con alguén.

A liña de Asesoramento familiar -denominada “Eu acompáñote no día a día cos teus fillos e fillas”– está pensada para nais e pais que necesiten  apoio e orientación na crianza e a educación da cativería durante o confinamento, poñendo de relevancia o respecto e os valores. As consultas no 610 984 493 estarán atendidas por Laura Balado quen, despois de analizar e comentar cada caso, indicará distintas pautas e rutinas vitais “para que as familias gocen de benestar emocional, persoal e familiar”.

Máis en detalle, Balado proporá ferramentas útiles para manexar conflitos de poder, insultos, falla de colaboración nas rutinas diarias da casa, perrenchas, pelexas entre irmáns, chantaxes continuas, desafíos, perda do control, etc. Problemas que o confinamento pode acentuar e para os que cómpre adoptar técnicas de educación positiva asumidas por toda a familia, de cara a manter un bo clima de convivencia no fogar.

Por outro lado, Benestar Social e a asociación Centro Cune tamén poñen en marcha o teléfono “Eu converso contigo” para aliviarlles o confinamento a persoas que, independentemente da súa idade ou condición, necesiten gozar dun momento de parola, desafogo e compañía. Malia non estar pechado a ninguén, o teléfono 660 244 443 oriéntase a persoas que vivan soas, de idade avanzada ou que se atopen enfermas. Nese número atoparán alguén ao outro lado da liña con quen poder falar, botar un conto, resolver dúbidas sobre a situación actual e mesmo comentar calquera necesidade que se teña e na que o Concello poida axudar.

Estes dous teléfonos de apoio emocional empezarán a funcionar este mércores 22 de abril e manteranse mentres dure a obriga de permanecer na casa por mor da alerta sanitaria. O Concello publicitará a iniciativa a través das redes sociais, do SAF, do tecido veciñal e tamén por medio da ANPA do CEIP San Ramón. Trátase de servizos totalmente gratuítos que atenderán de luns a venres entre as 19.00 e as 21.00h.