En breve xa se estarán aquí as vacacións da Semana Santa e o Concello de Moeche oferta un ano máis a posibilidade de participar nun campamento deportivo con actividades interesantes e entretidas que se desenvolverán durante os tres primeiros días das vacacións 14, 15 e 16 de abril- entre as
10:00 e as 14:00h.

Co obxectivo de ofrecerlles ás nais e pais un servizo de conciliación, o campamento deportivo da Semana Santa procura que a rapazada teña unha opción lúdica e deportiva neses días “sen escola”. A área de Deportes estableceu un programa para as mañás dos días 14, 15 e 16 de abril cun conxunto de actividades relacionadas coa actividade física e o deporte en xeral.

Comezarán ás 10:00h con todo tipo de xogos tradicionais como o tiro da corda, o pano, o brilé, etc., e haberá un tempo de descanso para tomar a merenda (incluída no prezo da actividade) e continuarán con actividades como fútbol, minibasket, bádminton e outras propostas, que rematarán con propostas algo máis pausadas.

As inscricións mantéñense abertas desde o 26 de marzo cun prezo básico de 20€ por participante e as exencións e descontos recollidos na ordenanza reguladora das taxas municipais por este tipo de actividades.
Ofrécense un máximo de 15 prazas para rapazada de 4 a 12 anos, dándolle prioridade a aquelas nenas e nenos empadroados en Moeche e, aínda non estando empadroados, tamén aos alumnos ou ás alumnas do CEIP San Ramón.

As solicitudes poden presentarse até o 10 de abril e rexistráranse na Sede Electrónica en calquera momento ou entregándoas presencialmente no rexistro municipal polas mañás.

Para ampliar información poden descargarse os documentos que hai máis abaixo ou contactar co técnico de Deportes, Daniel Feijoo, no 981 404 006