O Entroido en Moeche, como no conxunto da comarca e de toda Galiza, é unha festa con moi boa acollida, na que todas as persoas, maiores e novas, se divirten. O Concello organiza a tradicional festa na nave do Mercado o martes 17 de febreiro, festivo local. O Entroido no noso concello celébrase ben non só por parte do Concello, senón tamén polas entidades veciñais e, xa no seu inicio, por parte da comunidade educativa do CEIP San Ramón, que durante a semana previa programa actividades en torno á tradición do Entroido.
Arranca o Entroido en Moeche coas variadas actividades que desenvolve o alumnado do CEIP San Ramón arredor da festa de Entroido: confeccionan disfraces e organizan comparsas por cursos que desfilarán no centro de ensino e que mesmo se achegan ao Concello. O entroido escolar culminará, coma todos os anos, coa tradicional queima do Meco.
Festa do Entroido na Nave do Mercado. Martes 17 de febreiro (festivo local)
Na Nave do Mercado de San Ramón no día grande, o 17 de febreiro, Martes de Entroido, poderemos gozar da festa que ofrece o Concello desde a Concellería de Cultura de Moeche. Nesa xornada haberá , xogos, inchables, música, baile e concurso de disfraces con premios nas categorías infantil e adulta. Comezará ás 17:00 h e durante o serán tamén se servirá chocolate con churros para a rapazada.
Concurso de disfraces
Para participar no concurso de disfraces, que empezará a partir das 18:30h, será necesario facer unha inscrición previa ese día na propia nave.
Establécense dúas categorías, infantil – ata os 12 anos- e adultos – maiores de 12 anos- e dúas modalidades en cada categoría, individual/parella e grupal.
Debe haber un mínimo de 3 participantes ou grupos en cada categoría e modalidade para poder realizar o concurso. E haberá premios en cada modalidade e categoría.
Na categoría infantil , na modalidade individual, establécese como agasallo unha cesta, e na modalidade grupal, un vale de 50€ para unha merenda ou petiscos nun dos locais de hostalaría que se indicarán.
E na categoría de adultos, a persoa gañadora na modalidade individual recibirá un vale de 50€ para consumir nalgún negocio local entre os que se indiquen; o grupo gañador na modalidade grupal obterá un vale de 100€ para gastar nun local de hostalaría.
Xantar, baile e disfraces da man das entidades veciñais de San Xurxo e Labacengos e da Comisión de Festas de Abade
Días grandes do Entroido modestino serán tamén o sábado 7, sábado 14 e sábado 28 de febreiro coas citas que nos teñen preparadas a Comisión de Festas de Abade e as asociacións veciñais Val de Moeche e Labacengos .
O primeiro sábado do mes, o 7 de febreiro, a Nave do Mercado acolle o xantar organizado pola Comisión de Festas de Abade, cun cocido tradicional no Entroido e actuación musical a cargo de Lucía Fraguela. De querer asistir, podemos anotarnos ata o 1 de febreiro nos seguintes números: 638233538-620010299-68657683.
O sábado 14 de febreiro é a A.VV. de Labacengos quen celebra a súa festa de Entroido. O xantar comezará ás 14:30h no local social do Ventoeiro, con cocido tradicional e doces de Entroido. Tamén terán música, coa actuación de Vanesa Ramil, e un concurso de disfraces a partir das 17:00 h con premios para o mellor disfrace infantil e adulto. Para anotarse pódese chamar ata o 8 de febreiro ao 606729038
O sábado 28 de febreiro será en San Xurxo a celebración do Entroido da man da AVCR Val de Moeche, quen ofrecerá un cocido no local municipal do Pereiro a partir das 14:00h. O menú a base de cocido e sobremesas propias destas datas. Desde a entidade indican que tamén terán animación musical a cargo de Dúo J.M Hai que anotarse antes do 25 de febreiro chamando ao 622 916 960.








Últimos comentarios