Os cambios producidos pola Administración autonómica recentemente respecto ás distancias entre as plantacións forestais e os núcleos, as zonas urbanas, as vías de comunicación e outras infraestruturas, están  a  provocar moitas dúbidas entre a veciñanza. A raíz disto. o Concello -a través da Concellería de Medio Ambiente-  acordou organizar unha charla informativa  e solicitou a presenza de persoal do Distrito Forestal de Ferrol, quen  informará sobre o cumprimento da normativa e os seus cambios. Este acto terá lugar o luns 16, ás 18.00 horas co Centro Cultural Francisco Piñeiro, no lugar de Trieiro, Abade.

Co obxectivo de darlle difusión  á normativa vixente e aos cambios  aprobados nos últimos meses pola  Xunta de  Galicia, desde o Concello publicouse o correspondente bando municipal e achegouse a información a través do boletín municipal Andaina así como na web municipal. Con todo, as diferentes consultas recibidas no Concello e as reunións mantidas co axente forestal da zona para delimitar as competencias de cada Administración, levaron ao Goberno local a programar unha  charla informativa ofrecida por persoal especializado do Distrito Forestal. Nela, a veciñanza poderá preguntar e consultar as  dúbidas que teña ante a obriga de limpar os montes montes, de cumprir coas distancias  de plantación, entre outras cuestións,  así como o sistema mediante o que se controlará o cumprimento da normativa.

A anterior lei de prevención dos incendios foi modificada pola  Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que establece novas distancias e requisitos nas franxas de protección.

A xestión da biomasa é unha obrigación da persoa propietaria ou arrendataria dos terreos. De non estar realizada  -e se a Xunta a require- a persoa notificada dispón dun prazo de 15 días para limpar, que se poden prorrogar sempre que se xustifique adecuadamente.  De non cumprir coas obrigas requiridas, a resolución é competencia da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural.

A charla terá lugar o  luns 16 de xullo, ás 18.00 horas , no C.Cultural Francisco Piñeiro, en Trieiro, Abade,  e será impartida por persoal técnico do Distrito Forestal de Ferrol, que é o organismo encargado da xestión das autorizacións e do seu cumprimento.

Cadro resumo das distancias