Estamos xa ás portas do Irmandiño, un dos festivais máis veteranos de Galicia. Corenta e cinco edicións …   Desde 1980 o Irmandiño non faltou nunca á cita, grazas a moito esforzo, constancia e determinación de ducias de persoas, xeración tras xeración que estiveron, están e estarán aí mentres poidan. O Concello colabora no desenvolvemento do Festival Irmandiño a través dun convenio que se asinou hai un días entre a alcaldesa, Beatriz Bascoy , e o presidente da Asociación Cultural Irmandiños, Alexandre Campos .O festival celebrarase o venres 16, sábado 17 e domingo 18 de agosto.

Unha nova edición do Festival Irmandiño, e van 45, está xa a piques de comezar mantendo o carácter reivindicativo do espírito irmandiño a través da cultura. O Concello de Moeche colabora no seu desenvolvemento a través dun convenio que ten unha parte económica e outra de loxística, para que o festival sexa, coma sempre, un éxito. A colaboración municipal coa Asociación Cultural Irmandiños de Moeche reflíctese no convenio asinado hai uns días entre a alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da entidade, Alexandre Campos, que recolle unha achega económica de 6.000 euros pagadoiros en dúas veces, 3.000 euros trala sinatura e outros 3.000 no momento de presentar a xustificación dos gastos.

Alén desta contía, o Concello tamén asume 1950,00 euros correspondentes ao 25% do caché de Faíscas da Pontraga e A Bandas das Crechas– un total de 7.840,00€-, actuacións solicitadas polo consistorio no marco da Rede Cultural da Deputación da Coruña, quen asume o 75% restante, así como os gastos das taxas da Sociedade Xeral de Autores de todos os grupos, englobadas no contrato que o Concello mantén con esta entidade. No tocante á loxística, o Concello de Moeche xestiona a colocación e retirada de colectores do lixo e achega un operario e unha cisterna chea de auga para gardar do lume o lanzamento dos foguetes da noite e ademais achega persoal, nestea ocasión coa axuda de Protección Civl do Concello das Pontes, para o  control do peches de estrada e regulación do tráfico. A colaboración municipal coa organización do Festival Irmandiño abrangue tamén insercións publicitarias en prensa, a roza dunha pequena zona anexa ao campo de Melle, a apertura gratuíta do castelo o sábado e a cesión de espazo para as actividades que teñen lugar dentro da fortaleza e arredor dela.

Outra Administración que colabora co Irmandiño é a Deputación de Coruña, que este ano achega unha subvención por importe de 14.042,99 euros desde a Área de Cultura.

Programa de tres días intensos

O programa desta 45 edición volve combinar música e propostas de lecer durante tres intensos días que nos traen ao presente a revolta Irmandiña de 1431, cando o exército de Roi Xordo -a Irmandade Fusquenlla- se apoderou do castelo perseguindo ao seu señor, Nuno Freire de Andrade “O Mao”. Non o pillaron por pouco e, pouco despois, aquela revolta contra a inxustiza e a opresión foi reprimida con dureza. Fose como fose, en Moeche segue reivindicándose a figura de Roi Xordo e de todos cantos o acompañaron naquela primeira revolución que volvería prender anos máis tarde, en 1467, con moita máis forza e cun resultado final parecido. Foi daquela cando os Irmandiños derrubaron parte do castelo, sen imaxinar  que pouco despois terían que reconstruílo como castigo.

O Irmandiño comezará con forza a noite do venres 16 ao son dunha foliada popular que cada ano conta con máis participación no Campo de Melle, onde se agardan que se sumen gaiteiros e gaiteiras, acordeonistas e percusionistas da comarca.

O día grande do festival é o sábado 17, música, xogos, exposicións, visitas ao castelo, boa música e asalto ao castelo para unha xornada de reivindicación da nosa historia e cultura. O castelo estará aberto desde as 13.00 h con entrada de balde durante toda a xornada.
No castelo, ademais da visita á propia fortaleza, o Concello ofrece a posibilidade de ver dúas exposicións, a permanente do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas que ofrece un percorrido polo que foron as Revoltas Irmandiñas na historia de Galicia, e a nova exposición sobre a cantería baixo o titulo, O toelo: a pedra de Moeche. Unha mostra que procura poñer en valor o patrimonio xeolóxico, etnográfico e relixioso do concello de Moeche e, nomeadamente, o traballo dos canteiros modestinos
A partir das 13.30h, sesión vermú no campo do festival. Tras a hora do xantar -para o que hai moitas opcións: ir de merendada, mercar un bocata do toldo, degustar o menú dalgún dos restaurantes de Moeche ou incluso ter algo de previsión e pillar antes de baixar a San Xurxo calquera cousa rica das que hai no mercado de San Ramón dos sábados pola mañá-, comezarán, todo a rodar sen parar.

A partir das 16.30 h, os xogos infantís e o divertido asalto infantil ao castelo de Moeche. O asalto achega a rapazada a todo o que representa o Irmandiño propoñéndolles para iso unha actividade moi lúdica. Desde a organización recoméndanlles ás familias que anden xa polo entorno do castelo sobre as 16.15 ou 16.30h. para facer os preparativos. Despois, ás 18.00h, ao pé do campo de festival, competición de xogos tradicionais: o tiro á corda, o serrado con tronzador ou o lanzamento de pacas de herba seca.

E rematados os xogos, un tempo breve para descansar e repoñer forzas e xa comeza a boa música. 21.30h. Nimbos, ás 23.00h. Xabier Díaz &Adufeiras de Salitre. A asociación organizadora estima, en función do que se prolongue a actuacións musicais, que o pregón se pronuncie sobre as 00.30h. O pregoeiro deste ano será Mini Rivas que coas súas verbas dará a saída do tradicional Asalto ao castelo con fachos e a sesión pirotécnica culminarán arredor da unha ou unha e cuarto da madrugada cunha fermosa recreación da queima da fachada do castelo.
En calquera caso, despois do asalto -01.15 ou 01.30h.- chega a música da Banda das Crechas, para darlle comezo á segunda parte da noite que rematará coa actuación – ás 02.45h – de Loita Amada
O Irmandiño conta desde hai uns anos cun terceiro día de celebración. Ao pé do castelo o domingo 18, a partir das 13.30h. animada sesión vermú ata as 15.00h., momento de parar para xantar de campo crioulos, liscos e xamón cocido acompañados de pan e cachelos polo módico prezo de 8€. E para pechar ben o 45º Festival Irmandiño de Moeche serán, a partir das 16.30h Faíscas da Pontraga e ás 17.30h, No Cómbaro

Rematará a festa agardando xa o 2025 e o seu 46 Festival Irmandiño

Aviso: corte de estradas o sábado 17

Como é habitual o sábado 17, día central do festival Irmandiño, a estrada DP4907 estará cortada ao tráfico de vehículos a partir das  16.30 e ata as 02.30 da madrugada do domingo 18, desde a intersección do Souto da Vila ata o cruce do Pereiro,e  cortarase tamén o paso a vehículos na pista que baixa de Folgosa ao Castelo, á altura do cruce do lugar da Costa con Casas de Eirido.

 

 

Rede Cultural da Deputación da Coruña