Promover a capacitación tecnolóxica de mulleres demandantes de emprego -ou solicitantes de mellora de emprego- é o principal obxectivo dos cursos gratuítos do programa “Muller Dixital” que están botando a andar en varios concellos galegos de menos de 30.000 habitantes. Moeche é un deles e, neste sentido, ofreceranse dúas accións formativas centradas na mellora das habilidades e competencias dixitais e tamén en igualdade. “Muller Dixital” é unha iniciativa da Consellaría de Promoción do emprego e Igualdade financiada cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O programa presentarase o próximo 17 de novembro na Casa do Concello ás 17:00h, momento no que as mulleres interesadas poderán formalizar a súa inscrición. Ao remate do curso -que se desenvolverá entre o 25 de novembro e o 16 de decembro- todas as participantes recibirán o correspondente certificado e, ademais, unha tableta Android de 10″.

Para anotarse no curso é necesario ser demandante de emprego ou ter inscrición no SPEG como demandante de mellora de emprego. Por este motivo, o día 17 haberá que presentar a tarxeta que acredite calquera das dúas situacións, ademais do DNI.

Na presentación ofrecerase cumprida información sobre o contido da actividade, que se estrutura en dous apartados: un de 40 horas sobre competencias dixitais básicas e, a maiores, un módulo transversal sobre Igualdade.

Ao tratarse dun curso de iniciación, as sesións serán todas presenciais e cunha duración de 4 horas diarias. Os horarios determinaranse na xornada de presentación atendendo ás preferencias maioritarias das mulleres inscritas sobre a opción de mañá, de 9:30 a 13:30h, ou de tarde, de 16:30 a 20:30h. Ademais, o último día -sexa de mañá ou de tarde- haberá unha xornada de 5 horas para o módulo de Igualdade e para realizar unha sinxela avaliación final dos coñecementos adquiridos.

O curso de iniciación proporcionaralles ás participantes competencias dixitais moi básicas, como son o uso do ordenador e do seu sistema operativo (incluída a resolución de incidencias e a seguridade), a navegación pola Rede, a xestión da información, ou o emprego do correo electrónico e das videoconferencias.

A finalidade, en último caso, é continuar reducindo os desequilibrios no acceso ao mundo das TIC -tanto por motivos tecnolóxicos como por razón de xénero-, que son aínda máis acusados en contornas rurais, ademais de facilitarlles  ás mulleres unha base de coñecemento tecnolóxico que mellore as súas posibilidades de atopar traballo ou de cambiar para outro con mellores condicións (de tipo económico, de conciliación, etc.)

Ao remate do curso todas as participantes que o superen recibirán un certificado acreditativo das competencias adquiridas e, canda el, unha tableta Android 11 de 10″, 4GB de RAM e 64 GB de memoria interna.

Para obter máis información sobre “Muller Dixital” o máis aconsellable é acudir á presentación que terá lugar na Casa do Concello o xoves 17 de novembro ás 17:00h, aínda que tamén se pode ver de que vai na web do proxecto. Nela, ademais de información, hai un formulario de inscrición e un apartado onde deixar os datos para que a empresa impartidora contacte con nós por teléfono.