A XI Carreira popular Concello de Moeche terá lugar este domingo, 31 de maio, a partir das 11.00 en San Ramón con 240 de persoas inscritas, 147 persoas adulas e 93 menores. As probas para a rapazada terán os seus percorridos, coma o ano pasado, dentro da zona do recinto feiral e as rúas principais do centro urbano; a proba absoluta, de 6,5 quilómetros de trazado, chegará até a Casabranca e o CEIP San Ramón.

Pechadas onte mesmo  as inscricións  a carreira contará con 240  persoas inscritas. O evento organízase en seis carreiras distintas, entre as 11.00 que sae a primeira e as 13.oo que comezará a derradeira. Son probas adaptadas a todas as idades, desde os 75 m. para a categoría de Pituf@s, isto é, os nenos e nenas máis pequenas, ata os 6,5 km da proba absoluta. A saída e chegada para todas as probas estará situada no tramo paralelo á nave do Mercado

Dará comezo ás 11.00 h coa saída das participantes da categoría de Pitufos -rapazada nada en 2020-2022-, que deberán percorrer 75 metros en paralelo á Nave do Mercado. Dez minutos despois sairán as persoas participantes en Sub 8 femininos e masculinos -anos 2018 e 2019-, neste caso sobre unha distancia de 200 metros. A da categoría Sub 10-anos 2016 e 2017- arrancará a continuación para percorrer medio quilómetro de distancia por parte do centro urbano.

Ao remate destas primeiras probas, daráselle a saída ás probas Sub 12 (2014-2015) e Sub 14 (2012-2013) que completarán un circuíto de 1.000 metros, mentres que as rapazas e rapaces Sub 16 e Sub 18 (nados de 2008 a 2011) terán que darlle dúas voltas a ese trazado -2 Km.- antes de cruzar a meta.
A carreira absoluta comprende as categorías Sub 20 (2006-2007), Sub 23 (2003-2005), Senior (1991-2002), Máster 1 (1985-1990), Máster 2 (1975-1984), Máster 3 (1965-1974) e Máster 4 con participantes femininas e masculinos nacidos entre os anos 1964 e anteriores. A distancia a percorrer nesta proba é de 6.500 metros, cun amplo circuíto que discorrerá por San Ramón e chegará até a Casabranca. O trazado é case todo asfaltado, con algúns tramos de terra e herba.

O Concello contará con persoal de voluntariado entre a veciñanza, do movemento asociativo e de Protección Civil para colaborar na organización e no dispositivo de tráfico, que obrigará a cortar a circulación entre as 11.00 e as 13.00 h. Antes desa hora poderá accederse aos aparcamentos da estrada provincial DP4901(San Ramón-  Cristo de Rañal) e do centro urbano, aínda que se recomenda deixar os coches fóra do circuíto, é dicir, na estrada da Feira e ao longo da Avenida 23 de Abril. No recinto feiral estará prohibido aparcar.

Aínda que a XI Carreira popular de Moeche quere ser, coma sempre, unha festa do deporte ao aire libre concibida para facer exercicio e pasalo ben, sen salientar a parte competitiva, tamén haberá premios simbólicos: toda a rapazada, que levarán medalla, quede no posto que quede, e nas demais concederanse tres trofeos e outros tantos queixos doados por Lácteos Moeche, tanto en feminino como en masculino. A organización tamén reserva premios para as dúas persoas empadroadas no concello que rexistren os mellores tempos.

A XI Carreira popular de Moeche está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración de colectivos veciñais, A.VV Labacengos, AVCR Val de Moeche, da Deputación da Coruña, de Protección Civil de Valdoviño e do Xeoparque do Cabo Ortegal. Ademais de Lácteos Moeche e FisiocheBen, tamén axudan (co avituallamento) e A Tenda de Iria.

Corte da circulación
A circulación, conforme ao plan de tráfico, estará cortada entre as 11.00 e as 13.00 h. Haberá persoal voluntario en cada cruzamento, coa finalidade de facilitarlles o percorrido ás corredoras e corredores e evitar que poida entrar no circuíto algún vehículo, aínda que entre carreira e carreira permitirase o acceso , especialmente á farmacia que ese día está de garda

As zonas afectadas polos cortes son o interior do recinto feiral, Cristo do Rañal desde preto do campo de fútbol até o CEIP San Ramón -tamén parte da estrada paralela-, e a estrada da Feira e Avenida 23 de Abril.
Desde o Concello solicítase que- chegando con antelación- se utilicen como estacionamentos as beiravías das rúas municipais que conectan coa estrada de Ortigueira -diante do CEIP San Ramón e a Avenida e 23 de abril- e tamén se poderá aproveitar para deixar o coche nunha das marxes da estrada provincial DP 4901(San Ramón- Cristo do Rañal). Lémbrase que non se poderá aparcar dentro do recinto feiral de San Ramón.