O Mercado de Nadal converteuse nunha tradición consolidada no noso concello. Un sábado de decembro próximo ao Nadal, o mercado énchese de produtos típicos, ademais das delicadezas que alí podemos atopar o resto do ano: pan, empanadas, doces, froita, hortalizas, peixe e marisco fresco, artesanía e agasallos.

Este ano, o Mercado de Nadal de Moeche celebrarase o sábado 13 de decembro con todos os postos completos. Como en anos anteriores, contará con actividades paralelas para toda a familia que lle darán un ambiente aínda máis festivo e de lecer. Nestes días, a nave do mercado foi decorada especialmente para recibir as persoas visitantes nun ambiente alegre e acolledor.

Postos e produtos
Pola mañá, a partir das 10:00 h, abrirán os 5 postos habituais aos que se engadirán 21 postos máis: 18 de venda de artesanía e alimentación, e 2 de exposición de artesanía. Esta oferta ampliada inclúe produtos de temporada como as chacinas e embutidos de Navia de Suarna ou as elaboracións de chocolate de Bombóns Moreno, que traerán entrantes da matanza e exquisitas sobremesas para os menús festivos.
Ademais de encher a cesta da compra, tamén poderemos mercar detalles para vestir a casa no Nadal ou agasallos para familiares e amizades: flor, coiro, artesanía, madeira, cerámica, decoración e agasallos orixinais para todos os gustos e petos.

Sorteos
Con cada compra recibiremos un boleto para participar nos sorteos de lotes de produtos que se celebrarán ao longo da xornada: á última hora da mañá e ao remate da feira.

Programa de actividades
11:30 h – Panxoliñas de Airiños dos Carrís
12:00 h – Obradoiro infantil
13:00 h – Visita do Apalpador de Pulpiño Viascón, que encherá de música a nave
14:00 h – Sorteo de lotes de produtos
17:30 h – Espectáculo de teatro infantil a cargo de Teatro Calavera:”Un Nadal na Laponia”
19:00 h – Peche da feira co último sorteo de produtos

Durante todo o día, a Asociación Amigos da Madeira das Pontes ofrecerá unha mostra de torneiros que deleitará ás persoas amantes da artesanía tradicional.

As actuacións de Pulpiño Viascón e de Teatro Calavera están financiadas pola Rede Cultural da Deputación da Coruña.