Xa están en marcha as obras de instalación do novo sistema de iluminación LED entre o Centro de Saúde e a capela de San Ramón. Trátase dun proxecto no que se investirán preto de 30.000 euros cofinanciados pola Dirección Xeral de Administración Local e polo propio Concello co que se pretende mellorar a visibilidade nocturna de toda a zona e, ademais, seguir substituíndo os puntos de luz públicos por outros que gasten menos electricidade e que requiran menos mantemento. A actuación vén sumarse a outras anteriores ou que teñen previsto executarse proximamente relacionadas co aforro enerxético, como o cambio dos farois ao longo da AC-862, a reposición dos LED e dos postes da rúa 23 de Abril -incluída a zona da feira- ou a instalación dunha caldeira de biomasa no local social do Pereiro con axuda do INEGA.

Os traballos que se están facendo estes días abranguen os aproximadamente 300 metros que van desde o Centro de Saúde até o cruzamento entre a rúa Cristo do Rañal e a rúa da Feira. Un tramo que, segundo o titular de Obras e Servizos, Magín Lago, “tiña a luz máis escasa e pobre de todo o centro urbano”. Esa foi a razón pola que o Executivo local decidise continuar por alí o plan de renovación e reforzo da iluminación pública “que se vai ir facendo pouco a pouco nos principais núcleos do concello”, comenta o concelleiro.

A instalación en Cristo do Rañal ten dúas partes diferentes. Dunha banda colocaranse puntos de luz LED ao longo da rúa aproveitando soportes existentes e ao “tresbolillo”, é dicir, alternándoos a un lado e outro da estrada. Por outra banda, nos arredores da capela de San Ramón reaproveitaranse os báculos existentes de tipo fernandino -en alusión ao estilo decorativo do primeiro terzo do século XIX- para actualizalos con esta nova tecnoloxía lumínica. É dicir, os farois serán iguais pero en vez de lámpadas de vapor de mercurio levarán dentro pequenos proxectores led. Esta solución coñécese como “retrofit”, que podería traducirse como “retroadaptación” ou “readaptación” de equipamento antigo con partes modernas.

A obra non só comprenderá o cambio dos emisores de luz, senón que tamén leva aparellada a revisión -e substitución, se for necesario- de conexións e cables, ademais de estar previsto facer novas tiradas de subministración canalizada nunha parte importante do trazado.

O investimento anda cerca dos 30.000 euros. 21.000 proveñen dunha axuda da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia con cargo á convocatoria  anual para infraestruturas e dotacións vinculadas á prestación de servizos municipais. Os outros case 9.000 financiaranse con fondos do Concello. A actuación busca mellorar as condicións de iluminación de toda a zona reducindo ao mesmo tempo a cantidade de luz que se desperdicia emitíndoa á atmosfera e producindo contaminación lumínica. Estímase que, gracias ao LED, só un 5% da luz producida escapa pola parte superior dos farois.

Porén, o cambio tecnolóxico tamén servirá para baixar a factura da luz e, en consecuencia, a pegada de carbono. O cálculo reflectido no proxecto apunta a que se aforrará un 36,6% no consumo e, ademais, cómpre ter en conta que a potencia contratada -un dos aspectos que máis grava o prezo da corrente- tamén poderá ser inferior.

Máis actuacións en materia de aforro enerxético
Ademais destas obras en marcha relacionadas co aforro e a eficiencia enerxética, o Concello tamén instalará nos próximos días un novo sistema de calefacción no local social do Pereiro. Grazas a unha subvención do INEGA e ao cofinanciamento municipal dotarase o edificio cunha caldeira de biomasa e varios radiadores que farán máis acolledor este espazo onde se desenvolven múltiples actividades veciñais durante o outono e o inverno. A axuda ascende a 2.904€, procedentes de fondos europeos do programa FEDER Galicia 2014-2020, o mesmo co que xa se financiara en 2017 a calefacción no local social de Abade.

Tamén cómpre mencionar que o consistorio asinou recentemente un convenio de colaboración coa FAEPAC para que esta fundación dependente da Deputación da Coruña lle axude ao Concello a planificar todo o relativo a este ámbito da eficiencia enerxética. Entre as accións que recolle o acordo -que supón achega económica por parte do consistorio duns 1.500€– está a de facer unha auditoría de todas as instalacións e dependencias municipais para ver onde se pode mellorar/aforrar.  A FAEPAC tamén adquire o compromiso de informar sobre as modificacións lexislativas e tarifarias que lle afecten ás subministracións enerxéticas e, de ser o caso, das medidas máis axeitadas para reducir a súa incidencia.