O CEIP San Ramón recibíu hoxe ao alumnado para darlle comezo ao novo curso. Nas semanas previas o Concello encargouse de desenvolver distintas tarefas de mantemento e mellora das instalacións co obxectivo de poñelas a punto para o inicio dun novo curso. Os traballos céntraronse no acondicionamento exterior tras varios meses de peche do recinto, pero tamén en pequenas obras e reparacións solicitadas pola Dirección do centro. Ademais destas actuacións, por petición do Concello na reunión mantida pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, coa delegada da Xunta de Galicia, Martina Aneiros, a Unidade Técnica da Xefatura Territorial da Consellaría de Educación achegouse a Moeche para a  programar a execución dunha das obras pendentes desde hai anos, como é o recheo da parte baixa da escola, que adoita inundarse no inverno. Na citada xuntanza mantida a inicios de xullo, a alcaldesa deulle conta á delegada da Xunta de Galicia,  entre outros asuntos, das demandas expresadas en varias ocasións polo Concello e a dirección da escola relacionadas co peche con paneis do acceso principal para, principalmente, evitar perdas de calor e axude a aforrar en calefacción.

Como é habitual ao remate de cada curso, o equipo directivo trasladoulle ao Goberno local unha listaxe de tarefas para facer no verán, época na que a escola está baleira. A maior parte dos traballos correron a cargo dos traballadores municipais mentres outros que requiriron equipamento específico correron a cargo de empresas eléctricas ou de instalación de gas. Os principais labores consistiron no pintado de portas, substitución de materiais de protección no patio cuberto e de cristais, ampliación do forrado de varias paredes con cortiza, instalación de varias pantallas dixitais e proxectores, recolocación doutras nas diferentes aulas, novas instalacións eléctricas, adaptación de parte do chan da cociña para a instalación do novo forno, e labores de poda de árbores que estaban a danar unha zona do tellado.

Así mesmo, atendeuse e limpouse o novo invernadoiro que conservaba as plantas preparadas pola rapazada ao remate do anterior curso e desenvolvéronse as tarefas de limpeza xeral de cristais e conxunto das aulas, segado e desbroce, reposición de elementos deteriorados, pulsadores e billas nos aseos, manillas de portas, etc. Nos próximos días procederase á limpeza dos canalóns do centro, aproveitando o equipamento alugado co que se fará o mesmo en diferentes edificios municipais, co obxectivo de deixalos listos para a chegada do inverno, asi como a mellora do tellado da zona do ximnasio.

Actividades extraescolares
Nas próximas semanas achegarase ao alumnado a documentación para inscribirse naquelas actividades das escolas deportivas municipais que se desenvolven xusto ao remate da xornada lectiva com actividade extraescolar. Este ano ofertarase:
Patinaxe nivel iniciación. Para rapazada de 4 a 7 anos ( martes 1 5,45 a 16,45h) )
Patinaxe nivel perfeccionamento. Para rapazada de 8 a12 anos. (luns 15,45 a 16,45h) )
Atletismo . Para rapazada de 6 a 12 anos (xoves 15.45 a 16,45h)
Tenis nivel iniciación. Para rapazada de 5 a 8 anos. (mércores 15,45 a 16,45h)
Tenis nivel perfeccionamento. Para rapazada de 9 a 16 anos. (mércores 17,00 a 17,50 h)

As actividades infantís das Escolas Municipais Deportivas teñen carácter gratuíto. A inscrición comezará o 3 de outubro e desde o Concello enviaráselle a documentación correspondente.

Enlace Calendario curso escolar 2023-2024