O campamento Sementeira comeza este xoves día 1, con 25 das 30 prazas ofertadas cubertas para a primeira quenda do mes de xullo. Para este mes de xullo son 25 nenas e nenos os inscritos, dende os 3 ata os 12 anos, e só 3 deles na quenda das 8.30 ás 14.00 horas. Dentro dos inscritos hai tanto nenos empadroados en Moeche ou con familia de Moeche, coma nenos do CEIP de San Ramón, con pais traballadores do municipio e finalmente, algún tamén sen criterios de prioridade.
Quedan aínda 5 prazas libres, polo que se alguén máis se quere anotar debe contactar coa traballadora social do Concello no 981 404 006 ext 1.
Este ano o Sementeira vén de novo cunha aventura diferente cada semana dende o 1 de xullo ao 31 de agosto, ao longo de todo o verán a rapazada poderá gozar con actividades de misterio, acuáticas, científicas, creativas, de reciclaxe, deportivas, tecnolóxicas e de animación, e outras máis singulares e innovadoras como son os drons ou a robótica, as atraccións de animación, os xogos xigantes ou os deportes acuáticos. Traballarán durante todo o verán a través de dinámicas grupais, xogos ou xincanas introducindo valores transversais como a reciclaxe, o respecto pola natureza, o traballo en equipo e a inclusión e todo isto aproveitando as diferentes localizacións do concello.
Reunión informativa coas familias
Este martes 29 de xuño, ás 19.00 horas, no pavillón polideportivo realizarase a habitual reunión informativa coas familias da rapazada inscrita, para facilitarlles información sobre o desenvolvemento do campamento, os espazos onde se desenvolverá, actividades previstas e resolver calquera dúbida que poida surxir. A esta xuntanza asistirá a concelleira de Igualdade e Infancia e o persoal encargado de Espazo Vivo, a empresa encargada do desenvolvemento desta actividade de conciliación da vida familiar e laboral.
Inscricións para a segunda quenda do Sementeira
O prazo para inscribir as nenas e nenos na segunda quenda do Sementeira, no mes de agosto, será do 12 ao 23 de xullo, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas na Casa do Concello o una Sede Electrónica.
Como ata agora, terán prioridade as solicitudes dos nenos e nenas matriculados/as no CEIP San Ramón, en segundo lugar as familias con algún membro empadroado no Concello de Moeche con esta orde de preferencia: nais e pais, avoas e avós e por último as familias con algún dos membros con vinculación laboral no municipio.
Últimos comentarios