O Concello de Moeche prosegue coa súa programación cultural e turística, que nos depara para o inicio de agosto dúas novas oportunidades de descubrirmos a súa riqueza xeolóxica, pero tamén outras actividades que se desenvolverán -ou están desenvolvéndose xa- no castelo e na área recreativa de Soutogrande. Para este sábado está programada a proxección ao aire libre do filme infantil “A galiña Turuleca”, na fortaleza podemos asistir á mostra “Moeche, terra de feiras” e o domingo temos xeoruta do Toelo guiada por Francisco Canosa, quen tamén conducirá a visita a Mina Piquito prevista para o xoves da semana que vén. Para todas estas propostas fai falla reserva previa e, ademais, é obrigatorio o uso de máscara e gardar a separación entre persoas non convivintes.

Seguindo o calendario publicado nas axendas da web atopamos como primeiro evento o cine. A área recreativa de Soutogrande acolle o sábado a partir das 21.30h o pase do filme para a rapazada “A galiña Turuleca”, que leva á grande pantalla o personaxe protagonista de aquela canción que fixeran famosa nos anos 70 os Pallasos da Tele: Gaby, Miliki, Fofó e Fofito. Tomando como base precisamente esa canción, a película de animación compón unha historia chea de humor e tamén de valores para a cativería. A entrada é gratuíta, pero fai falla reservar no 981 404 006 ou en correo@moeche.gal.

Ao día seguinte, o domingo, o Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa conduciranos polo monte da Caleira nun itinerario que nos permitirá descubrir as peculiariedades do toelo ou “pedra de Moeche”, un material formado por serpentinitas e outros tipos de rocha que orixinariamente estaban no Manto Superior da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade, e que en poucos lugares do mundo se poden observar a simple vista.

Canosa explicaranos durante a xeoruta -que se achegará á canteira de Penasalbas e das Ferrarías-  como se formou a pedra de Moeche e que usos se lle deron ao longo da historia, principalmente como material construtivo de grande beleza despois de traballado.Sairá ás 10.00h. do castelo de Moeche, a onde regresará ao remate para facer unha visita guiada polo Centro de Interpretación da Revolución Irmandiña.

Ofértanse 20 prazas e o prezo da inscrición son 6€, incluído o seguro de accidentes e o percorrido guiado polo castelo. As inscricións deben facerse a través dos formularios publicados no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com ou ben contactando coa Oficina municipal de Turismo no 981 404 006. Aínda hai prazas dispoñibles.

Francisco Canosa tamén guiará o xoves da semana que vén -día 6 de agosto– a visita ao interior da Mina Piquito, en Santa Cruz. Neste caso trátase dunha explotación de cobre que funcionou durante boa parte do século XX e que hoxe está abandonada. Tralo cesamento da actividade no seu interior empezaron a formarse estalactitas de cobre e manchas de xofre,  que converten as súas galerías nun dos mellores espeleotemas do noroeste peninsular. A antiga mina forma parte dos enclaves máis destacados do proxecto de xeoparque do Cabo Ortegal.

Durante esta xornada haberá dúas visitas, unha a partir das 16.30h. e outra a partir das 18.30h. Os grupos para Mina Piquito están limitados a 10 persoas por quenda -maiores de 11 anos- e o prezo da inscrición son 10€, incluído o seguro de accidentes. Recoméndase levar botas até o xeonllo e tamén unha chaqueta ou outra prenda que cubra os brazos por mor do fresco que vai no interior das galerías. Tamén é obrigatorio, como para todas as actividades, usar máscara cirúrxica ou hixiénica sen válvula exhalatoria.

As inscricións tamén hai que facelas  a través dos formularios publicados no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com ou ben contactando coa Oficina municipal de Turismo no 981 404 006. Por agora hai prazas dispoñibles para as dúas quendas, pero cómpre bulir a facer a reserva xa que esta ruta adoita completarse en poucas horas.

“Castelo de Sons” e “Moeche, terra de feiras” no castelo
Alén destas iniciativas, en Moeche tamén hai que contar sempre co castelo, aberto a visitantes de martes a domingo e con horarios ampliados durante fins de semana e festivos. Así, entre o martes e o venres a fortaleza atende visitas por libre e guiadas de 11.30 a 13.30h. e de 16.30 a 19.30h., mentres que os sábados, domingos e festivos abre de 11 a 14.00h. e de 16.30 a 20.00h.

Na sala de exposicións instalouse hai uns días a mostra “Moeche, terra de feiras”, composta por debuxos, pinturas e relatos realizados pola veciñanza durante as semanas de confinamento como xeito de renderlles tributo ás feiras do 11 e do 23, pero tamén ao grande evento cabalar do 23 de Abril ou á Feira do Queixo, suspendidas este ano por mor da crise sanitaria.

Por outra banda, o sábado 29 de agosto -inicialmente ía ser o sábado 8- o recinto amurallado acollerá o segundo concerto do “Castelo de Sons” traendo como convidada á cantautora Paloma Suanzes. Será a partir das 20.30h. e as entradas -que son gratuítas- poden irse reservando no 981 404 006 ou pedíndoas en correo@moeche.gal. Tamén se poden solicitar presencialmente no Concello con cita previa en horario de mañá.