Os núcleos de Loureiro, a Casatellada e os Acivros, na parroquia de Santa Cruz, contarán dentro de pouco tempo con servizo de abastecemento de auga municipal. E é que nestes días botaron a andar as obras de construción de novas canalizacións que irán conectadas á condución xeral de Cerdido, con quen Moeche asinou un acordo de colaboración en novembro pasado. O importe dos traballos xa en marcha ascende a 33.463,53 euros, IVE incluído, que se financiarán con cargo á achega do POS+ Adicional de 2021 da Deputación da Coruña. Prevese que a obra poida quedar lista nuns 20 días, sempre que o tempo axude.

A nova rede comezou a estenderse no lugar do Loureiro para logo cruzar a estrada comarcal AC-110 que une As Somozas coa Barqueira e proseguir camiño abaixo pola beira da pista até a Casatellada, estendendo nese percorrido dous ramais que acheguen a subministración de auga tanto a un punto do Loureiro como ao núcleo dos Acivros, separados varios metros do eixo principal, ademais de cubrir as necesidades das vivendas situadas ao carón das novas conducións.

O labor principal que se está levando a cabo consiste na apertura de gabias para soterrar nelas as canalizacións de polietileno de alta densidade. Son tres, unha principal de 825 metros e as dúas que aloxarán os ramais do Loureiro e os Acivros, de 155 e 150 metros respectivamente. Nesta pequena trama de nova construción están planificados 12 pozos de rexistro en cemento dotados con chaves de paso que permitan segmentar o fluxo de auga no caso de avarías ou de que fose necesario retirar sedimentos.

Neste sentido, e de cara a facer unha xestión máis eficiente da auga, a rede de conducións levará incorporado un contador especial para detectar consumos máis elevados do normal, que adoitan ser sinal inequívoco fugas nalgún punto. Ademais, ese contador será o que dea a lectura xeral para aboarlle a Cerdido o importe correspondente dun servizo que, de cara á veciñanza, será prestado polo Concello de Moeche.

En total poderán conectarse á rede municipal ata unha ducia de domicilios -se queren, xa que o abastecemento é voluntario- e tamén as casas que poidan construírse no futuro, aínda que nese caso Moeche deberá comunicarllo previamente a Cerdido. Ambos municipios asinaron en novembro un convenio de colaboración para facer viable a ampliación do abastecemento a esta zona de Santa Cruz. No acordo incluiuse unha cláusula de reciprocidade no sentido de que, de ser o caso, Cerdido tamén poida valerse no futuro da rede de Moeche para levarlle auga a núcleos limítrofes que non dispoñan de abastecemento público.

O investimento total do proxecto que se está executando será de 33.463,53€ -IVE incluído- sufragado con cargo ao POS+ Adicional da Deputación da Coruña. A empresa adxudicataria, BCNOR Gestión y soluciones avanzadas S.L., indicou na súa oferta técnica o compromiso de completar as obras nun prazo máximo de 3 meses, aínda que todo apunta a que poidan estar listas nos próximos 20 ou 30 días se o tempo non vai moito a peor.

Unha vez que a rede estea operativa e se comprobe o seu correcto funcionamento, o Concello de Moeche recepcionará a obra e comunicarallo á veciñanza da zona para que poida solicitar a conexión na rede municipal.