Volven as rutas xeolóxicas en Moeche e en diferentes concellos integrantes da Asociación para a Xestión do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal. No marco deste Proxecto, Moeche ofrece o primeiro itinerario xeolóxico no 2022 – o do toelo combinado coa visita ao castelo- para o xoves 14 de abril pola mañá. Esta ruta xeolóxica permitirá coñecer de primeira man un dos materiais ornamentais máis exclusivos que temos en Galicia: as serpentinitas ou toelo. Un avance do que será a oferta de verán ampliada coas visitas á Mina Piquito e as xeorutas do cobre.
Moeche ofrece diferentes actividades ao longo deste mes de abril: andaina polo val de San Xurxo, charlas informativas, mesas sectoriais do Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, campamento deportivo para os máis novos, ruta xeolóxica do toelo e a festa principal, a Feira Cabalar do 23, en colaboración coa A. Ecuestre 23 de Abril.
Entre esas actividades de lecer figura a ruta xeolóxica do toelo do vindeiro día 14 de abril, un achegamento ao coñecemento das serpentinitas ou toelo, rochas de fermosa cor verde que foron obxecto de explotación dende o século XIX en numerosas canteiras do concello de Moeche. Algunhas destas explotacións e os produtos finais do seu traballo (cruceiros, linteis, hórreos, escaleiras, etc.) poderán visitarse e contemplarse nesta xeoruta. Inclúe, así mesmo, a visita ao castelo de Moeche, fortaleza construída no século XIV e o edificio máis emblemático do concello pola súa antigüidade e as súas características.
Dificultade: baixa
Distancia aproximada: 3 quilómetros
Duración: comeza ás 10.00 horas e remata ás 14.00 horas, seguindo as explicacións do xeólogo Fran Canosa , e complétase coa visita ao castelo ao remate.
Data e hora: 14 de abril de 10.00 a 14.00 horas
O prezo da actividade -aberta a todas as idades- son 6€ nos que vai incluído o seguro. Hai un máximo de 20 prazas dispoñibles
Inscrición:
As inscricións nestas xeorutas poden facerse desde luns 4 de abril ata 24 horas antes da data da ruta, a través da web https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. Se non houbese prazas dispoñibles farase unha lista de agarda.
Información na Oficina deTurismo, no telefono 981 404006 de martes a venres en horario de mañá ou no correo: correo@moeche.gal
E uns días antes, a ruta de sendeirismo polo val de San Xurxo.
Como xa anunciabamos hai uns días, a Concellería de Deportes organiza unha andaina polo Val de San Xurxo o domingo 10 de abril, con saída ás 10.30 no Castelo de Moeche, que tamén ha ser o punto de chegada. Cun total de 10 quilómetros e dificultade baixa, pasará polos lugares da Paxota, Ramil, Campos de Vigo, A Ponte, Requiá e de volta ao Castelo
As inscricións – gratuítas- no correo daniel.feijoo@moeche.gal, ou no teléfono 981 404006, ext.3., ou tamén mediante solicitude na sede electrónica www.moeche.gal
Prazo inscrición: ata o venres 8 de abril -as 14.00 horas.
Últimos comentarios