Un total de 122 persoas tramitaron a súa inscrición nas escolas deportivas municipais. Durante esta semana do 7 de outubro, deron comezo as actividades deportivas tanto para as persoas adultas como para a rapazada. Por outra parte, na vindeira semana do 14 de outubro, comezarán as escolas culturais coa actividade de teatro.
Dende esta semana, as persoas adultas inscritas xa están a gozar das actividades habituais de Exercicio saudable Maiores +, Pilates, Adestramento funcional e Spinning, dentro das escolas deportivas municipais que se realizan no Pavillón municipal e no Local social de Abade.
A actividade con maior participación é a de Pilates cunha inscrición de 23 persoas; Spinning conta con 16 inscritos, Adestramento funcional con 4 e Exercicio saudable Maiores + con 17.
No que se refire ás escolas deportivas municipais para a rapazada, tamén deu comezo a actividade de Patinaxe con 19 inscritos; Atletismo con 19 e, como novidade para este curso, realízase a actividade de Xadrez, a cal tivo unha moi boa acollida cun total de 15 inscritos, 5 por riba do grupo máximo, polo que desde a área de Deportes estase estudanto a posibilidade de abrir un segundo grupo nesa mesma tarde a continuación ou outro día da semana. A actividade de Iniciación ao tenis e perfeccionamento, con 3 e 6 inscritos respectivamente, non comezou debido a que non hai o número mínimo para facer grupo.
Así mesmo, a próxima semana do 14 de outubro, comezarán as escolas culturais coa actividade de teatro, con un grupo de adultos e outro infantil. O teatro infantil é unha actividade ofrecida polo Concello en colaboración coa ANPA do CEIP San Ramón, que contará cun mes de portas abertas desde a data de comezo da actividade, para que a rapazada poida probar de xeito totalmente gratuíto antes de anotarse.
As inscricións nas escolas deportivas e culturais seguen abertas ata completar o límite de prazas ofertadas, podendo facerse a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Casa do Concello.
Últimos comentarios