O Concello de Moeche e as asociacións do municipio xa definiron o calendario en que se lle facilitará á veciñanza toda a información dispoñible e tamén os modelos de alegacións aos dous proxectos eólicos que pretenden asentarse no territorio, o P.E. Moeche e o P.E. Badulaque, ambos promovidos pola multinacional ENEL. O consistorio organizou dous encontros nas últimas semanas para ofrecer unha visión xeral sobre a incidencia e as repercusións que terían os muíños e as súas infraestruturas asociadas. Agora dá un paso máis proporcionándolles aos colectivos documentación impresa e, dentro duns días, tamén alegatos xa formateados para que a veciñanza só teña que lelos, asinalos se están de acordo co seu contido e rexistralos antes do 18 de agosto, data na que finaliza o período de exposición de ambos proxectos. Ademais, antes desa data non se descarta convocar algunha reunión informativa máis para que todo Moeche teña “o coñecemento máis preciso posible sobre o alcance destes proxectos e sobre cales son os dereitos que poden facer valer nas súas alegacións”. Por outra banda, a alcaldesa reunirase a semana que vén con representantes da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación para tentar saber cal é a postura da Xunta con respecto aos dous parques proxectados e recabar outra información sobre a súa tramitación que poida obrar en poder do Executivo galego e que aínda non estea publicada.

O Concello de Moeche ten a disposición da veciñanza a documentación impresa sobre os dous proxectos eólicos, que pode consultarse en papel desde xa mesmo no rexistro municipal en horario de mañá.

Porén, a maiores, o martes 27 e o mércores 28 de xullo -de 10.30 a 13.30h e de 16.30 a 19.00h– o consistorio tamén ofrecerá un servizo especializado de asesoramento e de preparación das alegacións que, unha vez redactadas, se poderán rexistrar no propio Concello con destino á Área de Industria da Delegación do Goberno, organismo encargado da súa tramitación.

“Nesta fase da tramitación en que nos encontramos é  momento de presentar alegacións de tipo xenérico, posto que a relación de bens e dereitos afectados, coas correspondentes referencias catastrais, aínda non está publicada”, indica Beatriz Bascoy.

Por este motivo, desde o Concello vólvese insistir de novo na recomendación de que “non se asine ningún tipo de acordo ou documento que poida supor cesións de terreos. De ser o caso, se os proxectos continúan a súa tramitación, xa haberá tempo a negociar as condicións máis adiante e co debido asesoramento”.

Horarios de consulta da documentación nos locais veciñais
Dentro da campaña informativa que se está desenvolvendo en Moeche, o Concello colabora coas asociacións do municipio facilitándolles a documentación e planos dispoñibles  coa finalidade de que as veciñas e veciños poidan consultala no local veciñal que lles quede máis próximo.

Así, a AVV Val de Moeche, da parroquia de San Xurxo, abrirá o local social do Pereiro os luns e venres -empezando mañá, 18 de xullo- entre as 10 e as 12.00h até o 18 de agosto, día no que finaliza o prazo de alegacións. Terán dispoñibles os planos e outra documentación do proxecto do parque eólico Moeche, nomeadamente a situación dos muíños, das infraestruturas de evacuación, a localización da subestación e o trazado das pistas de acceso e comunicación interna do parque.

Asociación Veciñal de Labacengos abrirá o local do Ventoeiro os luns e mércores de 16.00 a 19.00 até o 4 de agosto, poñendo á disposición da veciñanza os planos do P.E. Moeche e tamén os do proxecto denominado “Badulaque”.

Por último, a AVV de Balocos tamén terá aberto o seu local para que a veciñanza poida consultar os mapas. As datas e horarios están pendentes de confirmar e comunicaranse en breve a través da web moeche.gal e das redes sociais.