Moeche segue recuperando o pulso sociocultural prepandemia e, neste sentido, dentro duns días tamén volve  a ruta gastronómica “De Pincho en Pincho” como escaparate da excelencia culinaria e do servizo próximo e profesional que ofrece a hostalaría do municipio, un dos sectores que máis sufriu nos últimos dous anos. O evento desenvolverase na fin de semana do 20, 21 e 22 de maio. Nesta cuarta edición muda o formato, xa que se suprime o premio ao petisco e déixase unicamente o sorteo de agasallos entre todas aquelas persoas que completen o percorrido polos establecementos participantes. Os locais teñen ata este luns 16 de maio para unirse ao itinerario comunicándolle ao Concello o pincho que van servir durante eses tres días, que ha de estar preparado de maneira artesanal e ofrecerse de balde con cada consumición.

O consistorio lanzoulles hai uns días a todos os establecementos hostaleiros o convite para participar en “De Pincho en Pincho”. De momento xa o confirmaron Casa Toñito, Bar Xambas, Bar Ubaldo, Mesón O Campo e a Taberna Irmandiños, aínda que nestes días podería sumarse algún máis ampliando deste modo o circuíto gastronómico.

Os horarios en que se ofrecerán os petiscos os días 20, 21 e 22 de maio están definidos nas bases de participación: o venres de 20 a 23:00h., o sábado de 11 a 15:00h e de 20 a 23:00h e o domingo só de 11 a 15:00h.  Os aperitivos serviranse de balde con cada consumición e, segundo as bases, deberán ser “artesanais” e estar feitos para comelos “en dous ou tres bocados”. Ademais tamén se especifica que “non se aceptarán receitas precociñadas”.

A novidade este ano é que non se premiará por votación popular o petisco máis sabedor, pero si poderá haber recompensa para aquelas persoas que completen o itinerario do 20 e o 22 de maio. Quen sele a súa tarxeta en todos e cada un dos locais  entrará no sorteo de dous agasallos: un bono individual de persoa adulta para a piscina municipal válido durante a temporada 2022 e un lote de produtos variados mercados no comercio local.

Para participar no sorteo haberá que introducir as tarxetas debidamente cubertas -cos datos persoais e a verificación de cada establecemento- nas urnas que estarán dispoñibles en todos os bares e restaurantes participantes.

O circuíto definitivo das degustacións coñecerase o este luns 16 de maio, data límite para que todos os locais convidados confirmen a súa adhesión á campaña e para que comuniquen o petisco que van servir dentro dela.

O obxectivo desta cuarta edición de “De Pincho en Pincho” volve ser o de poñer en valor a calidade gastronómica e do servizo da hostalaría de Moeche, co engadido de dinamizar e apoiar a recuperación dun sector especialmente prexudicado pola crise sanitaria.

Regulamento de “De Pincho en Pincho”