Moeche súmase un ano máis á homenaxe a Rosalía de Castro e á súa obra no 185 aniversario do nacemento de Rosalía Castro e faino conxuntamente coas asociacións veciñais. O Concello traslada a conmemoración da efeméride ao sábado 26 de febreiro, co obxectivo de que o maior número de persoas interesadas poidan participar nas actividades. O Mercado acollerá unha lectura colectiva de poemas e textos rosalianos, unha degustación -para todas as persoas participantes e consumidoras de produtos no mercado- dunha cunquiña do “Caldo de Gloria”, o caldo feito verso por Rosalía, e un sorteo de agasallos conmemorativos da escritora.
O Concello de Moeche homenaxeará a obra e a persoa de Rosalía o 26 de febreiro, sábado, na nave do Mercado a partir das 12.00 horas. Contará coa colaboración das entidades veciñais, a A.VV. Balocos, a A.VV. Labacengos, a A.VV. Val de Moeche para organizar unha lectura colectiva de textos e poemas rosalianos, un acto ao que convidan e animan a participar a toda a veciñanza. Rosalía de Castro é unha figura universal á que todos os anos no mes de febreiro, cadrando co mes do aniversario do seu nacemento, se lle rende tributo e se lembra a súa magnifica obra literaria co obxectivo de difundila e tela sempre presente.
Caldo de Gloria
Tras a lectura, todas as persoas participantes e aqueloutras que adquirisen algún produto no Mercado, poderán degustar unha cunquiña do Caldo de Gloria, ese caldo que Rosalía de Castro fixo verso no poema “Miña casiña, meu lar”, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
No poema “Miña casiña, meu lar”, de Follas novas, unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avarentos veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como con case nada o ser humano é quen de sobrevivir e ademais ser feliz.
#CaldodeGloria #DíadeRosalía
Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals
Enlace ao poema Miña casiña meu lar
O legado literario de Rosalía, un dos maiores símbolos culturais do país, ofrécenos o coñecemento dun pensamento a contracorrente da súa época: a Rosalía que se adiantou case medio século aos primeiros movementos feministas, a Rosalía que volveu poñer en valor a fala como vehículo da creación, a Rosalía que denunciou as desigualdades do seu tempo…
Desde o Concello convidamos un ano máis ao conxunto da veciñanza a participar nas iniciativas colectivas da Fundación Rosalía de Castro e da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, co hastag #SementadePensamentos, en marcha xa desde o 19 de febreiro.
Últimos comentarios