O Concello de Moeche pechou recentemente unha nova rolda de asembleas polo territorio previas á preparación do orzamento municipal. Nelas falouse de todo un pouco: pistas que cómpre amañar, servizos que se poden mellorar, actividades que sería boa idea poñer en marcha…etc. Porén, un dos temas comúns en case todas as xuntanzas foi a denuncia veciñal das constantes interrupcións da subministración eléctrica que se veñen producindo desde hai tempo, especialmente nas zonas abastecidas por UFD Distribución Electricidad S.A. A principios da semana pasada os problemas foron continuos durante case dous días, o que ocasionou numerosos inconvenientes en fogares e negocios, ademais dun fondo malestar veciñal que levou ao Concello a cursar reclamacións perante a distribuidora e a Xunta de Galicia. Ademais tamén se lle entregou o texto das ás asociacións para iniciar unha campaña de recollida de sinaturas que lle dea máis forza á reivindicación dunha subministración eléctrica de calidade.

En total saíron do Concello tres misivas: unha para a distribuidora UFD -a antiga Fenosa, pertencente agora ao grupo Naturgy-, outra para a Dirección Xeral de Enerxía e Minas e unha terceira con destino á delegación territorial da Consellaría de Economía, Emprego e Industria por ser este departamento quen ten competencias “no ámbito das infraestruturas enerxéticas, relativas á mellora e bo funcionamento das redes de distribución de enerxía eléctrica” e por ser esta consellaría quen suscribe “diversos convenios de colaboración coas empresas subministradoras para financiar obras nas redes eléctricas de baixa, media e alta tensión”, tal e como se sinala desde o consistorio.

O Goberno Local repasa o historial recente de incidencias empezando polas do pasado mes de decembro, cando nos días previos ao Nadal se produciron “cortes de luz en distintas parroquias e lugares do concello, en días diferentes e con distinta duración, chegando nalgún lugar a estar sen luz máis de 48 horas”. Unha situación que causou “non só danos materiais, senon tamén graves prexuízos ao desenvolvemento da vida cotiá e laboral da veciñanza” e que, lonxe de mellorar, “nos últimos meses empeora”.

Máis recentemente, o día 20 de xaneiro, o servizo eléctrico interrompeuse a iso das 8 da mañá e non se reanudou ata dúas horas despois, aínda que con “cortes de luz intermitentes durante todo o día ata que, de novo ás 22.20h., a maior parte do concello quedou sen luz e non se recuperou en varias zonas do municipio ata as 02.00h. do día 21”.

O Concello indica que “como xa se ten sinalado noutras ocasións aos responsables de Unión Fenosa” as interrupcións intermitentes “son moi frecuentes” en diferentes épocas do ano, con especial incidencia nas parroquias de San Xurxo, Labacengos e San xoán, incluída a zona de Balocos e o núcleo urbano de San Ramón. Neste sentido ínstase á distribuidora UFD Distribución Electricidad S.A. a que revise as instalacións e equipamentos eléctricos “para garantirnos que están en perfecto estado e presten un servizo de calidade”, ademais de solicitarlle á empresa que informe sobre se se cumpren ou non “os acordos establecidos sobre as interrupcións de subministración eléctrica, límite máximo de desconexión, aboamento aos usuarios do importe perdido na facturación, etc.”.

No caso das comunicacións dirixidas á Xunta solicítase que os departamentos con competencias na materia presionen á distribuidora para que revise a súa infraestrutura e para que desde a Consellería se informe sobre o grao de cumprimento do pactado coa compañía en canto a calidade do servizo.

“Desde o Goberno municipal agardamos que se atendan estas demandas e que Unión Fenosa Distribución preste un servizo de calidade no que as incidencias sexan unha excepción e non circunstancias continuas como acontece en Moeche, no convencemento de que estes cortes de luz son moito máis frecuentes do que deberían”, rematan os textos cursados polo Concello.

A maiores das instancias oficiais, o Concello tamén lle fixo chegar o argumentario ás entidades sociais do municipio co obxectivo de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas que tamén lles serán enviadas proximamente á distribuidora, á Dirección Xeral de Enerxía e Minas e á delegación territorial da Consellaría de Industria. As persoas que desexen suscribir a protesta conxunta poden facelo na súa asociación veciñal ou ben nas oficinas de atención ao público da Casa do Concello, onde tamén hai follas dispoñibles e incluso modelos para presentar reclamacións individuais. Por outra banda, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, solicitou hoxe mesmo unha xuntanza co delegado de zona de UFD Distribución Electricidad S.A. coa finalidade de abordar a situación e tentar arrancar da empresa un compromiso firme sobre o correcto mantemento das infraestruturas.