Benvida da Alcaldesa

Beatriz Bascoy Maceiras
Alcaldesa de Moeche

O Concello de Moeche ofrece esta páxina web para o conxunto da veciñanza, procurando que resulte unha  ferramenta útil e complementaria na prestación do servizos, mais tamén para as persoas que nos visiten. Un  espazo virtual que permitirá a mellora na información, na transparencia, na participación na vida municipal e, ao tempo,  deberá ser unha primeira vía de achegamento a Moeche, ao  seu patrimonio natural, cultural, lingüístico, arquitectónico  e á oferta  gastronómica  e festiva, ao cabo, ao coñecemento das persoas que aquí habitamos.

Moeche engloba unha extensión de  máis de 48 km2 que se abre a quen o visita con todas as súas facetas: Terra Irmandiña –  cun  Castelo protagonista dunha das primeiras revolucións sociais de Europa alá no século XV, rememorada cada ano co Festival Irmandiño-; Terra de feiras – centenaria a Feira do 23 de abril e as tradicionais feiras mensuais – Terra de gando – tradición que se reficte no topónimo dalgunha das súas parroquias, Labacengos, da tribo dos lapatiencosTerra de augas, fontes e muíños – no país dos mil ríos, cun fermoso espazo de lecer ao pé do rio Xuvia, na Área Recreativa de Souto Grande- e Terra de pedra – a pedra de toelo  labrada coa arte dos nosos canteiros, arte que adorna esta terra.

Convídovos a achegardes as vosas suxestións e propostas para convertermos a web nun punto de encontro dinámico.

A alcaldesa,
Beatriz Bascoy Maceiras