A Deputación da Coruña financia actividades arredor do Castelo e a Feira de Moeche a través dun convenio que asinaron onte 5 de xuño o deputado de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, Xosé Regueira, e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy. A achega da Deputación é de 11.800 euros do orzamento total de 14.750 dun orzamento que contempla unha exposición de cantería, unha exposición da Historia Irmandiña e o Castelo de Moeche, a celebración de dúas feiras monográficas e a súa propia difusión.
O castelo de Moeche constitúe o foco de atracción turística máis importante do municipio e a Deputación da Coruña apoia o desenvolvemento de actividades que supoñen tamén a dinamización de sectores económicos municipais coma a hostalería, o sector lácteo ou a artesanía. “Un recurso patrimonial como o Castelo de Moeche é relevante tamén pola súa repercusión na economía do concello e, nese sentido, o programa de actividades é especialmente interesante porque vincula a súa condición histórica e identitaria coa potencialidade para os sectores produtivos do municipio“, destaca o deputado Xosé Regueira.