O BOP deste 13 de abril publica o extracto da convocatoria das axudas en materia de educación do Concello de Moeche para o curso actual. O Concello reservou 15.000 euros para colaborar coas familias nos gastos de estudo das súas fillas e fillos correspondentes a este ano académico, así como nos derivados de ter que desprazarse a centros situados fóra do municipio. Dependendo do curso no que se teña matrícula, do nivel de renda per cápita da unidade familiar e, de ser o caso, da distancia á que se atope o centro de ensino, a axuda poderá chegar até os 550 euros por alumno ou alumna. O prazo de solicitude das axudas permanecerá aberto entre o 18 de abril e o 13 de maio, ambos días incluídos.

Nas bases recóllense dúas liñas compatibles entre si e compatibles con bolsas ou axudas similares concedidas por outras administracións. A primeira das liñas son as axudas para actividades relacionadas coa formación, á que poderán acollerse os alumnos e alumnas con matrícula no CEIP San Ramón ou que cursen ESO, Bacharelato, FP, estudos universitarios -agás posgraos- ou mesmo ensinanzas superiores de tipo artístico en calquera centro público. Tamén poderá acceder ás bolsas aquel alumnado con necesidades educativas especiais que deba acudir a un centro fóra de Moeche. As cantidades van desde os 100 até os 300€, dependendo dos niveis de renda e dos estudos cursados.

A segunda liña son as axudas para desprazarse estudar fóra do municipio, cuxa concesión se relaciona tamén cos niveis de renda per cápita e coa distancia á que se encontre o centro de ensino. Se se cumpren os requisitos a axuda poderá ser de 125, 150, 200 ou 250 €.

Con carácter xeral establécense dous tramos de axuda para todos os apartados da convocatoria, un co límite de ata 8.000 euros de renda per cápita e outro para aquelas familias que estean entre os 8.000 e os 10.000 euros de renda por cabeza, que é o tope superior para poder acollerse ás axudas municipais, ampliado ante o contexto económico actual.

Por outro lado, este ano a convocatoria non recolle a axuda extraordinaria para equipamentos informáticos que si se lles facilitou ás familias en 2021 para cubrir parte dos custes da adquisición dos aparellos necesarios para que a rapazada puidese seguir as clases en liña ante eventuais confinamentos ou peches de aulas por causa da COVID-19.

O prazo de solicitude, que será de 20 días hábiles, comezará a contar o luns 18 de abril e, polo tanto, rematará o 13 de maio. O trámite debe facerse presencialmente, a través da Sede Electrónica, no Rexistro xeral na Casa do Concello ou por calquera dos outros medios admitidos na normativa que regula a relación coas Administracións públicas.

En calquera caso, se alguén quere ir preparando documentos, nas seguintes ligazóns pode descargar tanto as bases da convocatoria como os anexos que se deberán cubrir e presentar no Concello dentro do prazo.

Bases da convocatoria
Corrección prazo bases
Extracto publicado pola BDNS
Anexo I
Anexo II
Anexo III
Anexo IV