O próximo día 3 comeza unha nova edición do campamento Sementeira, que rematará o 31 de agosto. Na primeira quenda, a do mes de xullo, hai 31 nenas e nenos inscritos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, na súa maioría alumnado do CEIP San Ramón ou ben con familiares empadroados en Moeche e, en menor medida, con pais ou nais con vinculación laboral no municipio. Das 31 solicitudes admitidas, 15 xa reservaron praza para o mes de agosto. Con todo, como é habitual, do 17 ao 24 de xullo abrirase un período de inscrición para aquelas familias que só poidan ou queiran acudir ao segundo mes do campamento.
Sementeira proporalles unha chea de actividades educativas e de lecer cada semana en espazos tan variados como o Castelo, a área recreativa de Souto Grande, a piscina municipal ou o recinto feiral, co seu circuíto de educación viaria, ademais do pavillón polideportivo, xa tradicional espazo base deste campamento.
E é que Sementeira sempre se distinguiu por iso, pola súa itinerancia, e por estar concibido como unha aventura de descubrimento da cultura, o patrimonio e os recursos ambientais do municipio, ademais de traballar valores e habilidades como o da igualdade, o respecto, a escoita activa, a responsabilidade e a corresponsabilidade. Ao longo dos próximos dous meses as actividades serán moi diferentes: acuáticas, científicas, creativas, de reciclaxe, deportivas, artísticas tecnolóxicas, excursións, etc., que apostan sempre polo traballo en grupo da rapazada. Ademais, durante o campamento tamén se agardan visitas sorpresa de persoas de dentro e fóra de Moeche para compartir coas nenas e nenos coñecementos en distintos ámbitos.
Información ás familias
Para a quenda de xullo admitíronse 31 solicitudes, das cales 21 foron presentadas por familias empadroadas no concello, con rapazada matriculada no CEIP San Ramón ou con vinculación laboral en Moeche. Este ano volverá ser a empresa Espazo Vivo quen leve o monitorado do campamento estival. Venres 23, desde a a área de Benestar Social e Igualdade, comezouse a contactar con cada unha das familias da rapazada admitida e seguirase o luns 26. Para informar das actividades e sobre todos os aspectos de Sementeira vaise celebrar unha xuntanza o próximo xoves 29 de xuño -Espazo Vivo contactará coas familias para fixar a hora- e, ademais, nos días previos tamén se creará un grupo de whatsapp para que estean ao tanto das novidades e propostas do día a día.
Inscricións para a quenda de agosto do Sementeira
De cara á segunda quenda de Sementeira, a do mes de agosto, o Concello xa recibiu 15 solicitudes de preinscrición presentadas por familias con acceso prioritario (alumnado CEIP San Ramón, familiares con empadroamento e/ou vinculación laboral). Quen teña interese en dispor de praza só para o segundo mes do campamento debe presentar a documentación entre o 17 ao 24 de xullo, ambos días incluídos, ben a través da Sede Electrónica municipal ou presencialmente no Concello.
A prelación na asignación de prazas será a mesma que para a quenda de xullo, é dicir, primeiro as solicitudes dos nenos e nenas do CEIP San Ramón, en segundo lugar as familias con algún membro empadroado no concello de Moeche (por esta orde: nais e pais, avoas e avós) e, por último, as familias con algún dos membros con vinculación laboral no municipio.
Ficha de solicitude de inscrición
Folla médica
Folla de autorizacións
Bases e información do programa
O Campamento Sementeira conta coa colaboración económica do Plan Corresponsables co financiado coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade
Últimos comentarios