O Concello de Moeche levaba tempo dándolle voltas a unha fórmula que recuperase o teatro veciñal que tanto éxito e repercusión tivo na segunda metade dos anos 90 do século pasado, cando xente de todo o Concello se implicaba na montaxe de obras que logo se representaban no Festival Irmandiño. A experiencia, que rematou en 1999, deixou un grande recordo entre o público e as persoas participantes, ademais dunha certa arela por volver repetila algún día. Despois de madurar ben a idea, agora a Concellaría de Cultura vai dar o paso promovendo clases de iniciación ao teatro que terán lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro todos os venres á tardiña empezando na semana do 15 de febreiro. As sesións, de dúas horas e abertas inicialmente a persoas de 14 anos en diante, estarán dirixidas por Pepablo Patiño, quen ademais de ser veciño de Moeche leva unha chea de anos colleitando éxitos coa compañía Teatro Ghazafelhos.  O prazo de inscrición abrirá o próximo 24 de xaneiro.

Xa hai ben anos, aló polo 1996, Moeche converteuse nun referente no teatro afeccionado coa obra “Os Irmandiños”, de Daniel Cortezón, representada polo Colectivo “O Castelo” baixo a dirección de Roberto Casteleiro con motivo do XVII Festival Irmandiño. Unha peza que se preparou durante meses con participación de ducias de veciñas e veciños facendo de todo: traballo actoral, iluminación, escenografía, vestiario… Casteleiro, falecido en 2016, foi ademais de profesor e historiador o recordado intérprete do personaxe de Caladiño no filme “Sempre Xonxa”, de Chano Piñeiro. El coordinaría outras tres representacións máis cadrando co Irmandiño:  a obra “Pedro Madruga” en 1997, “Anxélica no umbral do ceo” en 1998 e “Nai Coraxe” (1999), coa que remataría a andaina do colectivo teatral.

Agora o Concello de Moeche quere recuperar o espírito daquel movemento  poñendo en marcha unha escola de teatro dentro das actividades municipais que se organizan ao longo do ano. Os dous obxectivos principais son claros. Dunha banda darlle novo pulo ás artes escénicas no municipio como opción cultural e de lecer e, doutra, procurar que a medio prazo o municipio dispoña dunha agrupación estable capaz de montar pezas de todo tipo para seren representadas dentro e fóra de Moeche ou coincidindo con distintos eventos do calendario anual.

A escola terá como profesor a Pedro Pablo Patiño Peña, máis coñecido como Pepablo, que leva anos formando parte -xunto con Montse Piñón e Jorge Casas- da compañía Teatro Ghazafelhos. Frankenstein, Nana para un Soldado, Bon Appetit, Irinha Bailariña, Acuario, A illa sen tesouro, A caixa sen Pandora ou A nena e o grilo nun barquiño son só algúns dos seus espectáculos, dirixidos maiormente a público infantil.

Esta actividade abrirá o prazo de inscrición o luns 24 de xaneiro e agárdase que poida comezar na semana do 15 de febreiro. Serán dúas horas de clase á semana que se desenvolverán no Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, os venres entre as 20 e as 22:00h.

A reserva de praza poderá facerse na Casa do Concello de luns a venres en horario de mañá, ou ben a través da sede electrónica municipal. Os prezos son os mesmos que para o resto de escolas municipais: 6€ de matrícula e 12€ ao mes, incluído o seguro ante calquera eventualidade.

A Escola Municipal de Teatro botará a andar inicialmente para persoas maiores de 14 anos, aínda que o Concello tamén ten intención de ofrecer, nunha segunda fase, clases para a rapazada menor desa idade.

O desenvolvemento das sesións farase seguindo as normas preventivas da COVID-19 que haxa en cada momento, nomeadamente no referido ao uso da máscara, hixiene de mans e respiratoria, ventilación e as limitacións que poidan ser de aplicación en canto a grupos.

Tal e como comentou esta mañá a alcaldesa, Beatriz Bascoy, a posta en marcha das sesións pretende “recuperar aquel espírito do teatro veciñal de finais dos anos 90 que tivo tanto éxito e repercusión. Naquel proxecto do Colectivo de Teatro Castelo de Moeche participou moita xente. Levabamos moito tempo dándolle voltas á posibilidade de facer outra vez algo semellante e coido que esta iniciativa que agora imos poñer en marcha vai ser o xermolo para conseguilo”.