En Moeche os entroidos son ben celebrados desde sempre. No noso concello a tradición vénse mantendo con forza de ano en ano e nin sequera a pandemia vai poder con el, aínda que haxa que adaptalo ás obrigatorias e moi necesarias medidas preventivas. Por iso, a Concellaría de Cultura ideou un Carnaval alternativo que usará o Facebook como pasarela das máscaras mellor argalladas e tamén dos retrousos e cantares máis ocorrentes. E ademais farao mantendo esa auréola que sempre rodeou as máscaras premiando aquelas que tarden máis tempo en ser descubertas polo público das redes sociais. Esa é a razón de que o Entroido modestino leve por título “E ti, quen vés sendo?”, referíndose a un dos apartados do concurso en que haberá que adiviñar quen se oculta detrás da carauta. Pero hai máis, xa que a cita virtual tamén premiará as mellores indumentarias infantís e as composicións musicais que escenifiquen en vídeo tanto as familias como as directivas e persoas socias das entidades veciñais.

O Concello publicou hoxe mesmo as bases dun concurso no que se poderá participar até o próximo 15 de febreiro achegando, dependendo das categorías, fotografías e vídeos a través do correo concellodemoeche@gmail.com. No correo farase constar o título que se lle quere dar á imaxe -só se pode mandar unha foto ou un vídeo-, o nome do participante, a idade, a categoría na que participa e un teléfono de contacto.

Con todas elas faranse catro galerías na páxina en Facebook do Concello de Moeche para que o público vote dándolle ao “gústame”. Ganarán aquelas fotografías que colleiten máis “gústames” nesta rede social no prazo comprendido entre a publicación das galerías -o martes 16 de febreiro- e as 18.00h. do día 21 de febreiro, Domingo de Piñata. Ese mesmo serán daranse a coñecer os premios, que se entregarán tan pronto como a situación sanitaria o permita.

Nas bases precísase, ademais, que as fotografías han de ser de corpo completo -non “selfies”- e que aquelas persoas que vivan soas e non teñan maneira de se retratar a si mesmas poderán facelo contra dun espello. No concurso non poderá participar a mesma persoa con distintos disfraces. As categorías e os premios son os seguintes:

  • E ti quen vés sendo?, no que a veciñanza deberá adiviñar quen se agocha tras cada
    disfrace. Cada participante deberá enviar unha foto gardándose ben de que ninguén poida recoñecelo ou recoñecela a simple vista, aínda que si poderá ofrecer pistas sobre a súa identidade. Nesta sección gañará aquela instantánea que obteña máis “gústames” na rede social, aínda que hai que ter en conta que se restarán dous deses “gústames” por cada persoa que deixe un comentario adiviñando quen se esconde detrás da máscara.  Nesta categoría poderán apuntarse todas as persoas empadroadas en Moeche e o alumnado do CEIP San Ramón, ademais dos seus familiares directos.  A máscara que ao final conte con máis votos recibirá como premio un vale de 50€ para consumir na mercería O Comercio.
  • Fotografía infantil: este apartado vai dirixido á participación individual da rapazada de Moeche -ou alumnado do CEIP- con idades comprendidas entre 0 e 14 anos. Ademais tamén se admitirá a participación conxunta de dous ou máis irmáns. En calquera caso terán que achegar unha fotografía de corpo enteiro na que se aprecien correctamente os traxes. Non fai falla que estean de pé, pero si é condición imprescindible que a indumentaria se vexa enteira. Para as tres máscaras máis votadas hai outros tantos premios en forma de vales de 20€ canxeables na Libraría Brétema. 
  • Composición musical asociacións: neste caso o Concello reta ás entidades do municipio a que acheguen unha pequena montaxe en vídeo onde se vexan os socios/as ou a directiva -ou un combinado de ambos- cantando unha canción ou copla entroideira. Iso sí, debido ás normas preventivas que se deben cumprir neste momento, especialmente a da restrición de que se xunten persoas non conviventes, cada membro do grupo deberá gravarse individualmente no seu domicilio e despois xuntar todas esas gravacións nunha única peza que se enviará ao concurso e que non poderá exceder en ningún caso os 2 minutos de duración.  A letra das cantigas deberá ser inédita e, sobra dicilo, todos os participantes no vídeo terán que ir disfrazados. O premio para a montaxe máis votada son 100€ para consumir nos supermercados locais.
  • Composición musical: ademais de animar ás asociacións a que compoñan unha comparsa audiovisual, Cultura dá a posibilidade de que a veciñanza en xeral tamén achegue cancións e coplas retranqueiras en vídeo. Nesta categoría poderase participar de maneira individual ou en grupo, aínda que cumprindo a normativa que limita as reunións só a persoas que vivan xuntas.  Igual que no apartado de asociacións, neste caso haberá que deleitar o público de Facebook cunha composición de Entroido con letra orixinal, acompañada ou non de instrumentos. Se participan menores de idade, entenderase que a persoa que envíe o vídeo é quen para autorizar a difusión da súa imaxe.  Para esta categoría resérvase un premio consistente en 80€ para gastar en Calzados Hermógenes.

O concurso “E ti, quen ves sendo?” concíbese como unha maneira novidosa de manter a tradición carnavaleira de Moeche, con sona en toda a volta pola súa elevada participación tanto nos eventos organizados polo Concello como naqueles que promoven os colectivos veciñais. Ademais, tal e como precisa a concelleira de Cultura, Iria Couce Rego, a convocatoria “é unha maneira de arrepoñerse con humor a unha situación dura na que levamos moitos meses, pero sen perder nunca de vista a prevención e o cumprimento das restricións que nos poden axudar a saír dela”.

Bases do concurso de Entroido virtual “E ti, quen vés sendo?”