A Casa do Concello acolleu na mañá de onte a aprobación por consenso da declaración institucional do Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, por parte da alcaldesa, Beatriz Bascoy, a portavoz do Grupo Municipal do BNG, Iria Couce, e a portavoz do Grupo Municipal do PP, Maria Méndez, que asinaron este texto como manifesto da vontade e do compromiso do Concello de Moeche na loita contra as violencias. A aprobación desta declaración institucional acompaña outras actividades como a xornada de información por parte de Ana Loredo (Axente de Igualdade), o concurso de lemas do CEIP San Ramón, a presentación do Pacto comunitario do Lavadoiro e a peza teatral As Alumnas, que terá lugar este domingo ás 17.30h no Local Social de Abade.

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, reiteramos o carácter estrutural deste tipo de violencia e manifestamos o noso compromiso coa construción dunha sociedade libre de violencia contra as mulleres. Así mesmo, cremos que é necesario expor actuacións en todos os planos da intervención: prevención, detección, atención, protección, coordinación e xustiza.

Neste eido, queremos facer fincapé no dereito á reparación das vítimas da violencia machista, unha reparación que implica o dereito á verdade, a que o relato da violencia vivida, a denuncia e a palabra das mulleres, sexan escoitadas sen pór en cuestión ou desacreditar o seu relato. Isto significa contar coa palabra das mulleres violentadas para reparar o dano, restaurar a súa liberdade para recoñecelas como sobreviventes e para que poidan recuperar a súa capacidade e autonomía para superar a situación de violencia. Esta reparación resulta clave para axudar á restitución da vida comunitaria e a reparación social e pública no círculo máis próximo das vítimas e sobreviventes da violencia machista.

Malia os avances dos últimos anos en materia lexislativa a violencia machista segue a ser un dos maiores problemas sociais, tal e como se pode constatar nos datos publicados a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.

Esta situación, que se agravou como consecuencia da pandemia, empeora nun ano 2022 que engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.

Nun contexto onde, tal e como constatan desde ONU Mulleres, se está a producir unha reacción violenta contra os dereitos das mulleres en todo o mundo. Medran os movementos antifeministas e os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, polo que é esencial que as administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias.

Os gobernos locais asumimos, na medida das nosas posibilidades e recursos, a responsabilidade e competencia recoñecida en materia de prevención e atención ás vítimas, por ser as institucións máis próximas ás mulleres que sofren violencia machista nos nosos concellos.

Temos diante unha realidade innegable que require de todas e todos para unha acción firme en prol da erradicación da violencia contra as mulleres e das actitudes sociais que a toleran, a xustifican ou a banalizan, debemos intensificar esforzos para combater o machismo e condenar todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen as violencias machistas.

Por todo o anterior, a Corporación do Concello de Moeche,

  • Manifesta a repulsa e firme rexeitamento ante calquera expresión de violencia contra as mulleres en todas as súas dimensións.Traslada o seu apoio a todas as vítimas da violencia machista e ás súas familias e amizades.
  • Solicita das administracións do Estado e da Xunta de Galiza un aumento nas partidas orzamentarias, reforzando o financiamento dos centros de información e programas de apoio e protección das vítimas.
  • Reafirma o seu compromiso de desenvolver, no ámbito das súas competencias, unha política municipal en favor da igualdade e contra as violencias que sofren as mulleres, poñendo especial atención na prevención e sensibilización entre a rapazada.
  • Comprométese a dar seguimento e mellora ao proxecto comunitario O Lavadoiro, poñendo á disposición do proxecto os recursos económicos, técnicos e humanos dispoñibles.
  • E invita a toda a veciñanza a sumarse a esta declaración e a participar nos diferentes actos e mobilizacións convocados polo movemento feminista ao abeiro deste 25 de novembro.

Corporación municipal

Moeche, novembro 2022